O arcebispo de Santiago subliña a esperanza e o compromiso cristián na festividade de San Rosendo

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, presidiu hoxe, venres 28 de febreiro, no Seminario Menor a solemne celebración eucarística en honra de San Rosendo, patrón desta institución diocesana. Estivo acompañado polo arcebispo emérito, mons. Julián Barrio Barrio; o bispo de Ourense, mons. Leonardo Lemos Montanet; os reitores dos dous Seminarios e outros sacerdotes.

Desde o inicio da súa homilía, monseñor Prieto abordou a profundidade da Palabra do Señor e a súa relevancia ao longo do tempo. “Naquel tempo non é simplemente un pasado que esquecemos, senón un presente permanente no tempo de Xesús, nos tempos de San Rosendo e no noso século XXI”, afirmou, facendo un paralelismo entre os desafíos do pasado e os que enfrontamos na actualidade, como os avances da intelixencia artificial e outros cambios sociais. Lembrou que, aínda que o contexto tecnolóxico e cultural evolucione, os principios do Evanxeo seguen sendo “un compás inquebrantable para orientar as nosas vidas”.

O arcebispo reflexionou ademais sobre o legado de San Rosendo, unha figura que soubo articular a súa vida espiritual e a súa misión nun período histórico complexo. Esta mirada ao pasado, afirmou, “serviu como ponte para subliñar a importancia de aprender da historia para construír un futuro fundamentado nos valores cristiáns”.

Tamén destacou a compaixón activa e o coidado mutuo, valores que o prelado considerou esenciais en todos os ámbitos da vida: “Temos unha encomenda, como profesores, alumnos e membros desta sociedade, de coidarnos uns a outros con verdadeira compaixón, sendo compañeiros de camiño.”

Monseñor Prieto tamén aludiu ao Xubileu da Esperanza, convocado polo Papa Francisco para o ano 2025, como unha chamado a renovar o espírito cristián en tempos de incerteza: “A esperanza non é simplemente un desexo de que todo se cumpra, senón a certeza de que o que somos e o que facemos ten sentido en Cristo, Señor.”

Dirixíndose especialmente aos mozos, o arcebispo destacou o papel fundamental da educación na formación de cidadáns comprometidos coa sociedade e coa súa fe: “Nunca perdades a esperanza que vos dá Xesús. Ser significativos non é facer ruído, senón sementar onde estades e compartir o que Deus vos dá.” Neste sentido, convidounos a ser protagonistas activos da súa fe, non só acumulando coñecementos, senón tamén vivindo e acordo cos valores do Evanxeo.

A homilía terminou cunha chamada para construír comunidades máis solidarias e comprometidas, seguindo o exemplo de San Rosendo, quen demostrou que o verdadeiro liderado nace do servizo e da entrega: “Que a vosa vida se converta nunha ofrenda, compartida e celebrada en comunidade, como o facemos hoxe nesta Eucaristía.

Hoxe venres 28 de febreiro, penúltimo día da XII Semana Cultural San Rosendo, estivo marcado por un programa cargado de significado: levaron a cabo diálogos sobre a convivencia da intelixencia artificial coa sociedade, a cargo dos profesores Alfonso J. Novo Cid-Fuentes e Milagros Otero Parga. Despois da Misa Solemne presidida polo mons. Francisco José Prieto, descubriuse unha placa en honra ao Ilmo. Sr. D. Manuel Ferreiro Méndez, que foi reitor deste Seminario.

A XII Semana Cultural San Rosendo concluirá mañá tras unha semana chea de actividades educativas e culturais. Comezaba o luns 24 de febreiro coa inauguración oficial e a conferencia “Intelixencia Artificial, un novo interlocutor cultural”, impartida polo Dr. D. José Benito Cividanes Alonso. Posteriormente, abríronse exposicións e obradoiros relacionados coas aplicacións da IA na educación.

O martes 25 de febreiro centrouse na relación entre a intelixencia artificial e a sanidade. A profesora da USC, D. Sara Ortega Espiña, ofreceu un interesante relatorio sobre o uso da IA no ámbito sanitario, complementada con actividades prácticas de gamificación e obradoiros interactivos.

O mércores 26, os alumnos participaron nunha saída cultural ás oficinas de Pull and Bear en Narón, onde exploraron como a IA inflúe no sector empresarial.

O xoves 27, denominado “Día do Deporte”, contou coa destacada participación de Borja Golán, o mellor xogador de squash español de todos os tempos, quen ofreceu unha charla-coloquio. A xornada tamén incluíu unha gymkana e varias actividades deportivas.

Finalmente, mañá sábado 1 de marzo, a Semana culminará cun día dedicado aos antigos alumnos, que terán a oportunidade de percorrer as instalacións, participar en homenaxes ás promocións de 1975 e 2000, e gozar dun xantar de confraternidade.

Previous articleRetiro de Coresma co Arcebispo
Next articlePresentación das "Memorias da Fundación do Convento N.P.S. Benito de Cuntis