O Balneario de Cuntis converteuse no escenario dun significativo acontecemento: a presentación do libro “Memorias da Fundación do Convento N.P.S. Benito de Cuntis”. Esta obra é unha edición literal das memorias redactadas en 1902 pola madre Sor Carmen Baliñas, nas que relata a historia da fundación do convento.
O evento contou coa presenza do arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto; o cardeal Antonio María Rouco Varela; o vigairo xeral, José Andrés Fernández Farto; o arcipreste do Salnés, Santiago Fernández; o superior para Europa da comunidade de Guanelianos, Padre Fabio; o párroco de Cuntis, Simón Lemiña; o párroco da Xunqueira, Manuel Couceiro Cachaldora; sor Catalina Pattahy, superiora do convento acompañada das súas irmás de comunidade: sor Paz e sor María, e por M. Rosario do Camiño, abadesa Presidenta da Congregación Monástica de Santa Hildegarda e M. Almudena Vilariño, abadesa de San Paio de Antealtares; Andrés Campos Calvo-Sotelo, conselleiro delegado de Termas de Cuntis e patrocinador do proxecto.
A obra narra cronoloxicamente o proceso de fundación do convento de Cuntis, baseado nos recordos, correspondencia e notas da Madre Carmen Baliñas. A autora, desde a súa estancia no mosteiro de Corella en Navarra, compartiu a inspiración que a levou a fundar un novo convento en Galicia. Este período, a mediados do século XIX, foi unha etapa de gran inestabilidade en España, o que sumou dificultades ao labor da fundadora. Con todo, co apoio do bispo tudense Rosendo Salvado e posteriormente do arcebispo de Santiago, Miguel Payá, a Madre Carmen Baliñas logrou establecer un convento que seguise fielmente a regra beneditina na súa terra natal, Cuntis.
Durante o acto, Sor Catalina Pattahy destacou as virtudes e a perseveranza da madre fundadora, así como o afecto e agarimo con que tratou as monxas que a acompañaron. Monseñor Rouco Varela evocou o complexo contexto histórico no que se desenvolveu a vida da Madre Carmen Baliñas, subliñando as dificultades políticas e relixiosas da época. Tamén salientou a importancia dos conventos e mosteiros de vida contemplativa para a Igrexa, dedicados á oración e a reflexión.
Monseñor Francisco Prieto, pola súa banda, resaltou os valores humanos presentes nas memorias da fundadora e mencionou unha interesante coincidencia: este 1 de marzo conmemoráronse 147 anos desde a colocación da primeira pedra do actual edificio do convento.
Finalmente, Andrés Campos Calvo-Sotelo, como anfitrión do acto e patrocinador do proxecto, expresou o seu agradecemento aos asistentes e destacou a importancia desta iniciativa para asegurar a continuidade da obra do convento no futuro.