O arcebispo de Santiago invita ao inicio da Coresma a “entrar en nós mesmos” para vivir en paz con Deus e o próximo

O arcebispo de Santiago monseñor Julián Barrio presidiu hoxe a Eucaristía na Catedral compostelá durante a que se impuxo a cinza aos fieis, para dar así comezo ao tempo litúrxico da Coresma.

Na súa homilía o arcebispo convidou os diocesanos a “entrar en nós mesmos e ver onde nos atopamos”. Tras lembrar que “o entroido é tempo de caretas, disfraces, ficción” e que “agora toca quitar as maquillaxes”, mons. Barrio sinalou que “non podemos vivir en paz co próximo senón vivimos en paz con Deus”.

“En Coresma preparámonos para a celebración da Pascua, núcleo da fe cristiá, subindo ás xerusaléns do noso mundo onde se atrincheiran o baleiro, o odio, o egoísmo e a mentira. Para nós cristiáns a vida é Cristo”, indicou o prelado compostelán. E lembrou tamén que “É necesario entrar en nós mesmos e ver onde nos atopamos, intensificar a nosa oración, e manternos en actitude de vixilancia e de fidelidade”.

Rematou a homilía con estas palabras: “rachémonos os corazóns para que poidamos vernos como somos, e para que a indiferenza non nos deixe paralizados á hora de facer o ben. Encamiñémonos cara á Pascua, acompañados polo apóstolo Santiago, o patriarca San Xosé e a nosa Nai a Virxe María”.

 

Previous articleAsemblea Diocesana de Catequistas 2023
Next articleMáis de 2.000 diocesanos marcaron por primeira vez o apartado da Igrexa na Declaración da Renda