Carta Pastoral de mons. Julián Barrio no Día do Seminario
“Na celebración do Ano Santo Compostelán as palabras peregrinación e camiño atopan un eco especial que se transluce no lema da Campaña do Día do Seminario coincidindo coa solemnidade de San Xosé, patrón da Igrexa”. Así comeza a Carta Pastoral que monseñor Julián Barrio, o arcebispo de Santiago, dirixe á comunidade diocesana con motivo da celebración do Día do Seminario, que tradicionalmente se celebra na solemnidade de San Xosé e que ao non ser festivo trasládase ao domingo máis próximo, este ano ao domingo 20 de marzo.
Nela, o prelado compostelán convida a mirar os seminarios da nosa Diocese “coa preocupación de que os seminaristas actuais poidan recibir a formación adecuada para ser sacerdotes ao servizo dunha Igrexa en camiño”.
D. Julián diríxese expresamente aos candidatos ao sacerdocio aos que lles lembra que o seminario “é o ámbito onde tedes que atopar os que peregrinan cara ao sacerdocio e atoparse consigo mesmo para ir respondendo a esas últimas ou penúltimas preguntas que cada un leva no morral da súa vida ás que é preciso darlles resposta sen deixarse levar pola apatía ou a indiferenza. Da esperanza vocacional ao sacerdocio hoxe, poderase percibir o futuro da diocese mañá”.
“Preparádesvos para servir á Igrexa en camiño”, continúa mons. Barrio “que cada día ha de descubrir horizontes novos máis aló de toda actitude estática e pasiva”.
Termina a súa carta o arcebispo animando a todos os diocesanos a que “colaboremos economicamente para que os nosos Seminarios Maior e Menor teñan os medios necesarios e adecuados para ofrecer a mellor formación humana, intelectual, espiritual, comunitaria e pastoral a quen se prepara para recibir o ministerio
sacerdotal”.
Carta Pastoral no Día do Seminario. Marzo 2022