Carta Pastoral no Día do Seminario. Marzo 2022

“Sacerdotes ao servizo dunha Igrexa en camiño”
Queridos diocesanos:
Na celebración do Ano Santo Compostelán as palabras peregrinación e camiño atopan un eco especial que se transluce no lema da Campaña do Día do Seminario coincidindo coa solemnidade de San Xosé, patrón da Igrexa.
Mirar aos nosos seminarios
É unha data na que miraremos de maneira especial aos nosos seminarios non coa nostalxia do pasado senón coa preocupación de que os seminaristas actuais poidan recibir a formación adecuada para ser sacerdotes ao servizo dunha Igrexa en camiño. “A experiencia e a dinámica do discipulado, que dura toda a vida e comprende toda a formación presbiteral, require un tempo, durante o cal se invisten todas as enerxías posibles para arraigar ao seminarista no seguimento de Cristo, escoitando a Palabra, conservándoa no corazón e poñéndoa en práctica” ( RFIS 62). No Seminario Maior e Menor os seminaristas han de ter conciencia de que peregrinan á Diocese non coa sensación de pesadume, melancolía e desesperanza coas que os discípulos de Emaús camiñaban á súa aldea despois da crucifixión do Señor. A diocese é o Emaús no que han de descubrir a quen os acompañe durante o camiño do Seminario e que talvez non recoñeceron polo seu ensimismamento. Por iso, queridos seminaristas, pregúntovos como o fixo o Resucitado cos de Emaús que conversación traedes mentres estades no Seminario? O Seminario non pode ser o cántaro onde recollades as añoranzas do que deixastes, lambendo constantemente as chagas das vosas renuncias. É o ámbito onde tedes que atopar os que peregrinan cara ao sacerdocio e atoparse consigo mesmo para ir respondendo a esas últimas ou penúltimas preguntas que cada un leva no morral da súa vida ás que é preciso darlles resposta sen deixarse levar pola apatía ou a indiferenza. Da esperanza vocacional ao sacerdocio hoxe, poderase percibir o futuro da diocese mañá.
Ao servizo dunha Igrexa en camiño
Preparádesvos para servir á Igrexa en camiño que cada día ha de descubrir horizontes novos máis aló de toda actitude estática e pasiva. Unha Igrexa que non espera a que veñan senón que vai ela ao encontro dos homes dos nosos días, sabendo que o home é o camiño que ten que percorrer. É a Igrexa en saída, tantas veces hospital de campaña, da que nos fala o papa Francisco. No ministerio sacerdotal habedes de estar dispostos a beber o cáliz do Señor, é dicir participar na mesma sorte de quen veu a servir e non a ser servido. Facilmente tendemos a sacar do baúl dos recordos privilexios ou distincións, arroupados por actitudes baixo formas de relixiosidade para distinguirnos, que nos afastan dos demais. “Non sexa así entre vós; o que queira ser grande entre vós, que sexa o voso servidor, e o que queira ser primeiro entre vós que sexa o voso escravo” ( Mt 20, 26-27). Para poñerse en camiño hai que saír da terra propia, desa burbulla que encapsula e que nos fai referenciais afastándonos do Señor, dos demais e da mesma Iglesia. Calzádevos as sandalias da esperanza! A esperanza non pode nacer da opulencia nin tampouco dunha Igrexa acomodada na autoconservación, orgullosa do prestixio e recoñecemento dos homes. A Igrexa segue a Cristo Crucificado, e é ao Pai e non a nós a quen quero que eles dean gloria. Por iso, as sandalias novas da Igrexa son as da esperanza, porque nos facilitan o camiñar, e “pisar” aclamacións ou rexeitamentos ao seguir a Xesús, sen desviarnos nin a lado nin a outro da misión encomendada. Son as que nos fan camiñar, con poder de pisar serpes e escorpións (Cf. Lc 10, 19). A Igrexa é así libre, para non caer no triunfalismo, pois sabe que o Reino só vén a nós a través da cruz. Por iso di o Señor: “non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan, senón de que os vosos nomes estean escritos nos ceos”. Así tamén se ve inmune ao desalento, pois o Crucificado vive definitivamente volto cara a todos. Nin o aplauso lles faie esquecer a quen segue e a quen ha de servir, nin o rexeitamento o aparta da súa adhesión ao Evanxeo e aos últimos. Para recibir o don da esperanza, a Igrexa ten a cintura cinguida, vixía a súa propia liberdade, e non quere buscar refuxio en estruturas de influencia, evitando que se corrompa o seu sal, apáguese a súa luz e se desvirtúe o seu fermento.
Exhortación final
Recemos constantemente polos chamados ao sacerdocio. E dentro das nosas posibilidades colaboremos economicamente para que os nosos Seminarios Maior e Menor teñan os medios necesarios e adecuados para ofrecer a mellor formación humana, intelectual, espiritual, comunitaria e pastoral a quen se prepara para recibir o ministerio sacerdotal. Poñémolos baixo o patrocinio do Apóstolo Santiago, de San Xosé e de María, Raíña dos Apóstolos.
Saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,
+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

  • Copiar
  • Seleccionar
Previous articleNota dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante a Solemnidade de San Xosé
Next articleMonseñor Julián Barrio aos seminaristas diocesanos: “Preparádesvos para servir a Igrexa en camiño”