- O arcebispo recorda aos novos membros do Cabido que a Catedral é “o confesonario de Europa” e que ha de estar “ao servizo da nova evanzelización”
A Catedral de Santiago acolleu este domingo a toma de posesión dos novos cóengos nomeados polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio. Ao falar da misión dos cóengos, o arcebispo comentou que “esta Casa do Señor Santiago ha de ser fonte de renovación pastoral que leve os fieis ao compromiso cristián para facer presente a Igrexa na nosa sociedade”. Os novos cóengos son: Carlos Álvarez Varela, reitor do Seminario Maior de Santiago; Manuel Ferreiro Méndez, reitor do Seminario Menor; Manuel Jesús Formoso Fernández, vicechanceler do Arcebispado e moderador de Curia; Francisco Buide do Real, encargado actualmente do Arquivo da SAMI Catedral; e Víctor Suárez Gondar, xuíz Eclesiástico e secretario do Consello Episcopal. Tamén tomou posesión como cóengo doutoral Daniel Lorenzo Santos, Vigairo Xudicial do Arcebispado. E ao falar da importancia da Catedral, lembrou que alguén “comentou que a nosa Catedral é o confesonario de Europa”.
Na toma de posesión dos novos cóengos da Catedral de Santiago, monseñor Barrio dixo na súa mensaxe que “para valorar na súa xusta medida o acto que estamos a celebrar, é preciso situalo e consideralo no horizonte eclesial dunha pastoral de ministerio e non de beneficio, o que equivale a preguntarse sobre o labor que na Igrexa particular han de desempeñar estes novos cóengos no contexto do Cabido, institución da Igrexa diocesana”.
Na cerimonia que se celebrou na Catedral compostelá, o arcebispo resaltou “o protagonismo da nosa Catedral no conxunto da celebración do Ano Santo Compostelán e do que é e significa o feito da peregrinación xacobea en cada ano” e dixo que “a Catedral está chamada a ser institución litúrxica modélica e debe ser paradigma da acción pastoral para toda a Igrexa diocesana”. Tamén lembrou que “o culto divino non é só o Sacrificio eucarístico, abarca tamén a celebración dos sacramentos, de maneira especial a Confesión –alguén comentou que a nosa Catedral é o confesonario de Europa- e, en canto procede da fe e nela apóiase, este culto está necesariamente vinculado ao ministerio da palabra. Por iso é polo que a función cultual do Cabido inclúe a predicación da palabra divina na Igrexa Catedral que ha de converterse en lugar de encontro persoal con Deus na Palabra, nos Sacramentos e na liturxia”.
O arcebispo expresou a súa confianza en que “a atención que prestedes ha de servir para a edificación espiritual. Desexaría que a Catedral fose fogar, escola e obradoiro ao servizo da nova evanxelización cuxa urxencia hoxe é tanto máis necesaria canto máis incisiva é a influencia do proceso de secularización no que nos atopamos inmersos”.
Na mensaxe que o titular do Arcebispado dirixiu aos novos membros do Cabido, monseñor Barrio indicou que “a Catedral é o centro xubilar por antonomasia o que equivale a dicir que nela ha de ecoar a chamada á conversión que leva ao reencontro co Señor, procurando que o abrazo do perdón e da misericordia chegue a todo aquel que o pida e que esta Igrexa sexa un centro de acollida, procurando que sempre haxa algúns capitulares para escoitar confesións e atender as persoas que se achegan en busca de consello e orientación”.












