A Arquidiocese de Santiago de Compostela, unida á Igrexa universal celebrou, hoxe 5 de maio, a Pascua do Enfermo co lema “Dar esperanza na tristeza”, unha mensaxe que quere lembrar a alegría da Resurrección, neste tempo pascual.
Para conmemorar esta data, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, presidiu hoxe domingo, ás 19:30hs, na Parroquia de San Esteban de Paleo de Carral, unha Eucaristía, na que estivo acompañado, ademais do párroco Juan Carlos Novo, de varios sacerdotes de diferentes parroquias da Diocese e dun diácono, polo delegado para o Desenvolvemento Humano e Integral, José Ramón Amor Pan. No transcurso da mesma impartiuse a unción de enfermos a un numeroso grupo de persoas.
Na homilía, o arcebispo destacou, por mor do lema da Xornada do Enfermo deste ano, que só se pode dicir que se coñece e se ama a Deus “cando permanecemos no amor que recibimos, soamente cando amamos como El nos amou”.
Mons. Prieto afirmou que cando un di que ama, ten que vir acompañado polo xesto, pola presenza e pola compañía e o consolo. Tamén lembrou como Cristo se fai presente na enfermidade, na fraxilidade, no corazón e na vida do enfermo “para acompañar, para sandar con ese sandar profundo interior de dentro, e é entón cando ese sandar ser converte nunha das expresións máis profundas, máis auténticas, dese amor máis grande, como di Xesús no Evanxeo, aquel que dá a vida polos amigos”.
O arcebispo destacou que cada vez que se acompaña e se consola o enfermo, cada vez que se está ao seu lado, que se camiña con el na enfermidade “camiñamos con Cristo. Aí espéranos”.
No contexto das preparacións para o Xubileu 2025, D. Francisco animou a disipar as tristezas e amarguras para unxir “o corazón desta sociedade coa esperanza que nos vén do Señor (…) e mostrar unha esperanza que nos vén daquel que nos lembra, que só cando amamos, vivimos; só cando amamos, mostramos o corazón dunha humanidade que o é verdadeiramente”.