Mons. Barrio destaca o papel fundamental do laicado na corresponsabilidade e na misión evanxelizadora da Igrexa

  • Carta Pastoral do arcebispo no Día da Acción Católica e Apostolado Segrar, co lema “Sigamos construíndo xuntos. O Espírito Santo necesítanos”

Nunha Carta Pastoral de monseñor Julián Barrio, dedicada ao Día da Acción Católica e Apostolado Seglar, que se celebrará na solemnidade de Pentecoste, o arcebispo de Santiago lembra, en continuidade coa mensaxe do pasado ano e no contexto sinodal, que “se nos convida a seguir construíndo xuntos coa forza do Espírito Santo unha Igrexa en saída para anunciar con alegría o Evanxeo e ser comunicadores de esperanza, lembrando que todos os bautizados temos que sentirnos protagonistas da misión que se nos confiou na Igrexa e no mundo”.

Neste sentido indica que “non podemos esquecer o papel fundamental do laicado na corresponsabilidade e na misión evanxelizadora da Igrexa”. E engade: “a vocación cristiá é pola súa propia natureza vocación apostólica, misioneira, evanxelizadora”.

Na carta aos laicos, o arcebispo lembra tres actitudes que configuran a identidade cristiá e apostólica do discípulo de Cristo: “unha inquietude profunda e humilde para sintonizar con Cristo, a fidelidade á súa persoa e a obediencia á acción iluminadora e santificadora do Espírito, e a humilde intrepidez para aceptar a honra da repulsa ou da acollida que o home libremente ha de facer sempre de Cristo, signo de contradición fronte ao misterio insondable da liberdade humana”.

O prelado compostelán asegura que “sen conciencia de ser elixidos maniféstase a radical crise cristiá, sen conciencia de ser amados emerxe a irresponsabilidade da propia identidade ante Deus e ante Cristo, sen conciencia de ser enviados redúcese o cristianismo a puro convencionalismo social ou relixioso”.

“A sinodalidade interpélanos a estar no corazón do mundo asumindo o compromiso na vida pública”, di mons. Barrio.

 

Previous articleCarta Pastoral no Día da Acción Católica e Apostolado Segrar 2022
Next articleMensaxe de mons. Julián Barrio na Solemnidade da Ascensión do Señor 2022