Laxe honra á Virxe do Carmen no Naufraxio

Laxe volveu este domingo para mirar cara ao mar para reencontrarse cunha das súas tradicións máis arraigadas. Desde 1962, cada 17 de agosto, a localidade revive a dureza da vida mariñeira e a esperanza depositada na Virxe do Carmen a través da tradicional representación do Naufraxio, unha celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

A xornada comezou ás 12.00 horas coa misa solemne en honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández.

O prelado centrou boa parte da súa mensaxe na necesidade de recoñecer nos demais a membros dunha mesma familia, chamados a vivir desde a bondade e a misericordia. A través da figura de María, destacou a importancia de acoller aos demais e acompañalos nas dificultades de cada día.

O arcebispo lembrou tamén que o significado do Naufraxio transcende a propia representación e conecta coas traxedias que seguen golpeando a moitas persoas. Fronte á indiferenza, o egoísmo, o rancor ou os enfrontamentos, reclamou unha resposta baseada na paz e o perdón.

A homilía concluíu cunha chamada a seguir o exemplo de María e a acoller a vontade de Deus cun corazón «libre, dispoñible e acolledor».

Tras a Eucaristía, tivo lugar a recreación do Naufraxio no porto. O acto comezou en silencio e serviu para lembrar, a través desta representación, as dificultades e os perigos aos que historicamente se enfrontaron os mariñeiros.

Os mariñeiros, vestidos con traxes impermeables, partiron para representar a traxedia de quen perdeu a vida no mar. Pouco despois produciuse o naufraxio. Dúas bengalas marcaron o momento no que os homes tiveron que lanzarse á auga e intentar chegar a nado ata a beira.

Un dos compañeiros lanzoulles en varias ocasións un salvavidas para facilitar a súa chegada a terra. Os náufragos foron saíndo da auga un a un e, xa na beira, axeonlláronse ante a Virxe do Carmen e bicaron a súa imaxe.

A representación incluíu tamén o afogamento dun dos mariñeiros. Catro compañeiros sacaron o seu corpo da auga e levárono ata a Virxe. Tras permanecer inmóbil, o mariñeiro abriu os ollos ante a imaxe, completando así a recreación do Naufraxio.

A celebración continuou coa procesión marítima. O barco que transportaba a imaxe da Virxe do Carmen, acompañado polos protagonistas do Naufraxio, encabezou o percorrido.

Ao seu paso sumáronse as embarcacións engalanadas, que acompañaron á Virxe entre cánticos e a Salve Mariñeira.

Así, o mar volveu converterse así no escenario dunha tradición que mantén vivo o recordo de quen estivo vinculados á vida mariñeira de Laxe e a devoción que, durante xeracións, a localidade profesou á súa patroa.

Finalmente, a Virxe regresou á igrexa de Santa María da Atalaia. Alí, despois da intensidade da xornada, volveu impoñerse o silencio devoto, poñendo o punto final a unha celebración na que a memoria, a fe e o mar volveron atoparse.

Previous articleSantiago renova o Voto a San Roque e o arcebispo chama a unha fe comprometida
Next articleCáritas Diocesana de Santiago reúne este verán a máis de 230 menores nos Campamentos de Arnela, un dos proxectos socioeducativos con máis traxectoria de Galicia