A Arquidiocese de Santiago de Compostela segue avanzando na preparación do Ano Santo Xacobeo de 2027. Tras a constitución oficial da Comisión Diocesana o pasado 28 de novembro, o órgano promovido polo Arcebispado celebrou esta mañá unha segunda reunión de seguimento destinada a afianzar o traballo xa iniciado e a definir novas liñas de actuación para a gran cita xubilar.
O encontro estivo marcado, ademais, por unha novidade relevante: a incorporación á comisión dunha persoa procedente da Arquiconfraría do Apóstolo. A sesión, celebrada de novo na sede do arcebispado compostelán, estivo presidida por monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen animou aos membros do equipo para manter un proceso de preparación constante, coordinado e profundamente enraizado na vida pastoral da diocese.
Durante este segundo encontro, os integrantes da Comisión Diocesana fixeron balance dos primeiros pasos dados desde a súa constitución e comezaron a perfilar o calendario de traballo para os próximos meses, co obxectivo de chegar ao Ano Santo cunha preparación sólida e duradeira.
A principal novidade foi a incorporación de María José Dopico Calvo, secretaria da Arquiconfraría do Apóstolo, que pasa a formar parte da Comisión Diocesana, reforzando así a presenza do laicado e o vínculo cunha das institucións históricas máis estreitamente ligadas á tradición xacobea.
No transcurso da reunión subliñouse a importancia de traballar desde unha visión de conxunto, que permita coordinar esforzos e evitar iniciativas illadas. O Ano Santo de 2027, lembraron os asistentes, sitúase ademais no contexto do terceiro milenio do cristianismo, o que o converte nunha oportunidade privilexiada para renovar a fe, fortalecer a comuñón eclesial e ofrecer ao mundo un testemuño crible de esperanza.








