- Desde a súa construción, iniciada no século XVI e finalizada no XVII, a basílica estivo estreitamente vinculada á historia mariñeira de Pontevedra, especialmente ao barrio de A Moureira.
O acto de inauguración congregou a autoridades, veciños, técnicos e representantes das empresas responsables da obra. Entre eles, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da asociación de veciños da parroquia, Pilar Señoráns; e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen acudiu en representación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ausente por desprazarse a zonas afectadas por incendios; e o párroco de Santa María a Maior, Javier Porro Martínez.
Allegue subliñou que “esta basílica forma parte da identidade de Pontevedra e hoxe recupera o seu esplendor grazas ás melloras realizadas”. Na mesma liña, o alcalde Fernández Lores destacou a importancia de conservar o patrimonio histórico, arquitectónico e natural, lembrando que “as cidades se constrúen ao longo dos séculos” e que agora, coa redución do tráfico na zona, o templo presérvase mellor.
A restauradora Carlota López Brea e a arquitecta Dolores Tobío explicaron que, ademais da limpeza visible da fachada oeste, realizáronse actuacións menos perceptibles pero igualmente valiosas, como a conservación pétrea da crestería superior, substituíndo pezas de cemento por novas de granito elaboradas por canteiros.
O párroco de Santa María a Maior, Javier Porro Martínez, abriu a súa intervención citando o inicio da saga/foxe de J.B., de Gonzalo Torrente Ballester, novela que arrinca precisamente na colexiata de Castroforte de Baralla, inspirada na basílica pontevedresa. Lembrou que se trata da parroquia máis antiga da cidade, con máis de mil anos de historia documentada, e subliñou a importancia de que o templo conserve a súa esencia fundacional, acollendo por igual a cristiáns e a quen non o son: “Non queremos que se converta nun museo, senón que siga sendo un espazo de acollida”. Porro Martínez concluíu agradecendo a implicación de todas as administracións e dos técnicos que fixeron posible a obra, subliñando que “esta rehabilitación non só preserva a pedra, senón tamén a memoria e a alma da nosa comunidade parroquial”.













