Inicio do novo curso de catequese: “Sodes parte importante e todos somos chamados e convocados a ese camiñar xuntos”. Este domingo, 13 de outubro, celebrouse a Eucaristía na parroquia compostelá de San Frutuoso ás 10:00 horas, marcando o inicio do novo curso de catequese 2024/25. A cerimonia foi presidida polo arcebispo de Santiago, Mons. Francisco José Prieto Fernández, e retransmitida pola Televisión de Galicia (TVG). Durante a súa homilía, Mons. Prieto destacou o valioso legado confiado aos catequistas:“Que fermoso tesouro de fe se pon nas nosas vidas, que fermoso tesouro de sabedoría. É a sabedoría do corazón que Deus pon nas nosas vidas. Ese tesouro confíasevos aos catequistas para que o fagades renacer, brotar, acompañar, na vida dos nosos nenos, mocidade e nos que están a facer un camiño na fe”.
O arcebispo subliñou a vocación e o misterio que envolve os catequistas: “Que fermosura é saber que no camiñar a fe, ese compartir esperanza, non estamos sós”. Tamén resaltou a misión específica dos catequistas e a importancia de que toda a comunidade parroquial comparta a responsabilidade de celebrar, anunciar e vivir xuntos o tesouro da fe: “Estamos no horizonte do próximo Ano Xubilar Romano. Camiñamos en esperanza, día a día. A esperanza é Cristo, Señor”.
Mons. Prieto convidou a todos a sentirse parte desta misión, lembrando a celebración en Roma do Sínodo sobre a Sinodalidad durante este mes de outubro: “É unha convocatoria que o Papa nos fai a todos, tamén aos catequistas. Sodes parte importante e todos somos chamados e convocados a ese camiñar xuntos”.
O arcebispo concluíu a súa homilía agradecendo aos catequistas, ás comunidades parroquiais e a todos os presentes “por seguir camiñando xuntos, na fe que cada domingo celebramos, na fe que anunciamos e na fe que compartimos”.
Na celebración, na que participou o delegado de Catequese da Diocese, Miguel López Varela, realizouse o envío dun grupo de catequistas, agrupado por parellas, querendo así resaltar, en palabras do delegado, que “o Señor nos chama persoalmente e nos envía de dous en dous, para destacar que a catequese avanzará nesta dirección nos próximos anos”. Represéntanse así, a todos aqueles que, con xenerosidade, entregan o seu tempo e esforzo no acompañamento e educación na fe de numerosos nenos, adolescentes e mocidade.