Inicio do curso de catequese: unha chamada á misión, á oración e á esperanza

  • O arcebispo de Santiago anima os catequistas a ser “sementadores de vida, de palabra e de esperanza” no inicio do novo curso de catequese celebrado en San Fructuoso.
  • A Igrexa compostelá inicia o seu curso de catequese 2025/2026 unida ao espírito do DOMUND e á mensaxe do Ano Xubilar Romano: unha chamada á misión, á oración e á esperanza.
A parroquia compostelá de San Frutuoso acolleu este domingo a celebración eucarística que marcou o inicio do novo curso de catequese 2025/2026 na Diocese de Santiago. A misa, presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, foi transmitida en directo pola Televisión de Galicia (TVG) e reuniu a numerosos fieis, familias e catequistas que quixeron participar neste comezo do ano pastoral.
Durante a súa homilía, o arcebispo convidou a todos os presentes a vivir este novo curso como un “tempo de misión e tempo de catequese”, lembrando que a tarefa evanxelizadora non se limita a un momento concreto, senón que constitúe unha actitude permanente na vida de todo cristián.

Monseñor Prieto Fernández dirixiuse especialmente aos catequistas, a quen animou a renovar o seu compromiso coa Igrexa e a asumir o seu labor como unha auténtica vocación misioneira. “A catequese é sempre un tempo e un momento permanente na nosa vida como cristiáns”, afirmou, subliñando que os catequistas son “sementadores de vida, sementadores da palabra, sementadores de esperanza”.
O arcebispo subliñou así mesmo que o inicio do novo curso de catequese coincidiu coa celebración do DOMUND, Xornada Mundial das Misións. Neste sentido, quixo unir ambos os acontecementos baixo un mesmo espírito de envío e servizo. Lembrou que “non hai misión sen oración” e evocou a imaxe bíblica de Moisés sostido polo seu pobo durante a batalla, para expresar a importancia da oración compartida: “Rezamos uns con outros e uns por outros. Hoxe, polos catequistas”.
Na súa mensaxe, o arcebispo tamén fixo referencia ao Ano Xubilar Romano, convidando a todos os fieis a manter viva a esperanza no medio das dificultades. “A esperanza que non defrauda é Cristo”, lembrou, animando a que esa mesma esperanza sexa o centro da misión catequética e da vida de fe de toda a comunidade diocesana.

Durante a celebración, na que tamén participou o delegado diocesano de Catequese, Miguel López Varela, tivo lugar o envío dun grupo de catequistas, que representaron a todos aqueles que, en parroquias, colexios e comunidades, entregan o seu tempo e a súa vida ao servizo da fe. Pais e nais, avós, novos, relixiosos e laicos renovaron publicamente o seu compromiso de anunciar o Evanxeo con alegría e dedicación.

O acto, cargado de simbolismo, concluíu coa bendición do arcebispo aos novos catequistas, xesto que reafirmou a importancia do seu labor na formación cristiá de nenos, adolescentes e adultos.

O inicio do curso de catequese en Santiago de Compostela viviuse, así, como unha xornada de comunidade, esperanza e envío misioneiro, na que a Igrexa compostelá renovou o seu compromiso coa educación na fe e coa transmisión viva do Evanxeo en todos os ámbitos da sociedade.

Previous articleCee acolle a Vixilia diocesana do DOMUND: esperanza que transcende fronteiras
Next articleConfirmacións en Sanxenxo