Este sábado 3 de xuño, a Catedral de Santiago acolle a cerimonia de recepción na catedral, inauguración do ministerio episcopal e toma de posesión de Monseñor Francisco José Prieto, nomeado polo Papa Francisco Arcebispo Metropolitano de Santiago de Compostela.
Como vén sendo tradición, o recentemente nomeado Arcebispo será recibido na porta do Obradoiro da catedral. Alí, o Nuncio Apostólico da súa Santidade en España, Monseñor Bernardito Auza, presentará o novo Arcebispo, ao que recibirán o Cabido catedralicio e o Colexio de Consultores da Diocese. Antes de entrar na catedral bicará a reliquia do Lignum Crucis, nesta ocasión, un relicario do século XII, realizado en Xerusalén (Máis información da peza). Unha vez no interior, Monseñor Prieto terá uns minutos de oración ante o Santísimo Sacramento, na capela da Comuñón.
Posteriormente, ás 11:00 h, dará inicio a Misa Solemne, durante a cal se desenvolverá a cerimonia de toma de posesión, na cátedra episcopal. Nela recibirá a adhesión da diocese, representada por membros do Cabido, do Colexio de Consultores, algúns sacerdotes, relixiosos e fieles laicos. Durante a Eucaristía, o novo Arcebispo empregará o coñecido como cáliz de San Rosendo, valiosa peza medieval, do século XIII, e que chegaría á catedral procedente do mosteiro de Caaveiro. Ademais, sobre o altar, estará a cruz de cristal de roca, agasallo dos reis Carlos II e Mariana de Habsburgo no Ano Santo de 1683.












