Menos exclusión, máis fraxilidade
Emprego e salarios: recuperación insuficiente
Galicia mellorou os seus indicadores laborais. A ocupación crece un 6 %, o paro baixa do 13 % ao 9 % e a temporalidade redúcese ao 16 %. Con todo, esta mellora non se traduce en integración social para unha parte significativa da poboación. Os salarios reais apenas creceron un 0,7 %, unha vez descontada a inflación, e a inestabilidade laboral grave segue afectando ao 5,6 % das persoas ocupadas.
“O emprego xa non garante saír da exclusión”, recolle o informe, que identifica este paradoxo como un dos principais retos das políticas sociais e laborais.
Pobreza, ingresos e carencias materiais
En 2024, o 14 % da poboación galega (unhas 381.000 persoas) atópase en risco de pobreza, fronte ao 22 % de 2020. A pobreza severa afecta ao 6 %, unhas 158.000 persoas. Con todo, persiste unha elevada fraxilidade cotiá, xa que o 27 % non pode afrontar gastos imprevistos, o 17 % non pode manter a súa vivenda a unha temperatura adecuada e o 4 % non pode permitirse unha alimentación adecuada de forma regular.
O informe alerta ademais da insuficiente cobertura do sistema de garantía de ingresos. O Ingreso Mínimo Vital só chega ao 51 % das persoas en pobreza severa en Galicia, e máis da metade dos fogares nesta situación non recibiu información sobre a prestación. Paralelamente, a RISGA reduciu a súa cobertura á metade, pasando do 0,94 % ao 0,50 % da poboación.
Soidade e debilitamento dos vínculos
A exclusión social empeora claramente a percepción da saúde, sobre todo a mental, e en Galicia este efecto é máis intenso que no conxunto do Estado. En todas as idades, quen está en exclusión puntúan peor a súa saúde que as persoas integradas.
O 18 % da poboación galega, máis de 480.000 persoas, presenta problemas de exclusión en coidados da saúde, cinco puntos máis que en 2018. O 29,8% da poboación galega valora negativamente a súa saúde física e o 18% a súa saúde mental, por encima da media estatal (20% e 11,8%).
O informe subliña tamén o aumento do illamento social e a soidade non desexada. Mentres que o illamento afecta só ao 4 % dos fogares integrados, elévase ata o 25 % entre os fogares en exclusión severa.
Chama á responsabilidade colectiva
Desde a Fundación FOESSA insístese en que o informe non é só un diagnóstico, senón unha ferramenta para a acción. “O maior risco é normalizar a fraxilidade”, concluíu Thomas Ubrich. “Se non se actúa con políticas estruturais e sostidas, a precariedade de hoxe será a exclusión crónica de mañá”.
Cáritas en Galicia convida así a repensar o modelo social, reforzar os sistemas de protección e construír un novo pacto social que sitúe a vida, os coidados e a cohesión social no centro das decisións públicas.
Amplio ámbito de divulgación
A difusión do Informe FOESSA apóiase nunha axenda de actos que combina dimensión institucional, análise técnica e diálogo social, co obxectivo de situar as súas principais conclusións no centro do debate público galego.
O programa arrinca en Santiago de Compostela cunha presentación institucional na sede da Valedora do Pobo e a posterior entrega do informe ao presidente do Parlamento de Galicia, e continúa cunha xornada técnica dirixida a voluntariado e persoal técnico das cinco Cáritas Diocesanas, centrada na análise compartida dos datos e as súas implicacións sociais.
O percorrido divulgativo esténdese mañá a Vigo cunha presentación #ante entidades do terceiro sector que incorpora mesas de debate sobre vivenda, emprego, dereitos e integración social, reforzando o papel do Informe FOESSA como unha ferramenta de referencia para comprender a exclusión social e orientar a acción e a incidencia social e política en Galicia.
al informe completo:
https://www.foessa.es/main-files/uploads/sites/16/2026/01/Galicia_Informe-sobre-exclusion-e-desenvolvemento-social_2025_web-2.pdf Sobre o informe FOESSA. O IX Informe FOESSA é o resultado do traballo de case 500 persoas. Detrás del hai un equipo solvente e comprometido coa realidade de quen máis sofren a exclusión: 180 investigadores de 51 universidades, centros de investigación e entidades sociais, xunto a máis de 300 profesionais que realizaron as enquisas. No caso de Galicia, entrevistouse a unha mostra representativa de 590 fogares nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, dedicando máis dunha hora en cada fogar para coñecer de preto as súas condicións de vida e as súas dificultades cotiás.















