Arredonda forma na localidade pontevedresa de Lourizán os alumnos da futura brigada de inserción que traballará na zona sur da diocese

Oito persoas en situación de vulnerabilidade participan desde o pasado 1 de xullo no curso de Traballos Forestais Básicos que Arredonda desenvolve no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Lourizán. A iniciativa forma parte do proceso de implantación da empresa de inserción impulsada por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e constitúe un novo paso na creación de oportunidades laborais para persoas con especiais dificultades de acceso ao emprego.
A formación desenvólvese grazas ao convenio de colaboración entre a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e ten unha duración de 80 horas lectivas.

Formación práctica para mellorar a empregabilidade

Os participantes reciben capacitación específica orientada á realización de traballos forestais e de mantemento de zonas verdes. O programa inclúe 20 horas de formación para a obtención do carné de Manipulador de Produtos Fitosanitarios, xunto con contidos teóricos sobre ferramentas e maquinaria forestal, prevención de riscos laborais e seguridade no traballo.
A maior parte do curso ten un carácter eminentemente práctico. Os alumnos traballan o manexo, uso e mantemento de ferramentas e maquinaria forestal, adquirindo coñecementos para realizar labores de limpeza e roza de parcelas, mantemento de xardíns e zonas verdes e outros traballos ambientais.
Os participantes teñen idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos e proceden de distintos países como Colombia, Venezuela, Brasil, Guinea ou Alxeria. Algúns residen en recursos de acollida e varios atópanse en procesos de regularización administrativa. Para moitos deles, esta formación representa unha oportunidade para adquirir unha cualificación profesional e achegarse ao mercado laboral.
Durante a visita ao centro de formación, a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, destacou que “a inserción laboral comeza moito antes da firma dun contrato. Empeza cando unha persoa recupera a confianza nas súas capacidades e atopa unha oportunidade para formarse e desenvolver un proxecto de vida. Este curso representa precisamente esa oportunidade e demostra como a colaboración entre institucións e entidades sociais pode abrir camiños cara á inclusión e o emprego”.
Unha oportunidade laboral vinculada ao territorio
A formación que se desenvolve en Lourizán está estreitamente vinculada o crecemento de Arredonda e á ampliación da súa actividade na zona sur da diocese.
A futura brigada desenvolverá traballos de limpeza e roza de parcelas, mantemento de xardíns e zonas verdes, podas e outros servizos forestais e ambientais, contribuíndo ao coidado da contorna e xerando novas oportunidades laborais para persoas con especiais dificultades de acceso ao emprego.
O xerente de Arredonda, Jesús González, explicou que “este curso permite que as persoas adquiran coñecementos, confianza e destrezas no manexo de ferramentas e maquinaria. O noso obxectivo é crear emprego de calidade e xerar oportunidades reais para persoas que atopan máis dificultades para acceder ao mercado laboral, ofrecendo formación, acompañamento e experiencia profesional nun sector con demanda de traballadores”.

Arredonda consolida a súa actividade en Galicia

A posta en marcha da brigada de Pontevedra supón un novo avance para Arredonda, que obtivo a cualificación provisional como Empresa de Inserción por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Actualmente a entidade conta cun persoal de cinco persoas formada por un xerente e unha primeira brigada operativa situada na Coruña, integrada por un capataz e tres persoas contratadas en itinerarios de inserción laboral. Este equipo comezou a súa actividade o pasado 8 de xullo e xa está a desenvolver traballos de limpeza e roza de parcelas en Santiago de Compostela, A Coruña e Oleiros.

Entre as actuacións realizadas nunha primeira fase figuran traballos de acondicionamento e mantemento de terreos para o Arcebispado e Cáritas, contribuíndo a mellorar o estado de parcelas e espazos verdes en distintos puntos da zona norte da diocese. Estes primeiros encargos están a permitir realizar unha fase avanzada de adestramento e consolidar o modelo de empresa de inserción que combina actividade económica, acompañamento social e creación de emprego.

Coa incorporación da brigada da zona sur, Arredonda prevé finalizar 2026 con nove persoas contratadas. Trátase dun xerente, dous capataces e seis persoas en inserción distribuídas entre as brigadas da Coruña e Pontevedra. A entidade ten previsto desenvolver unha nova acción formativa na contorna de Santiago de Compostela a finais deste ano como paso previo á creación dunha terceira brigada a comezos de 2027.

A visita realizada hoxe a Lourizán permitiu comprobar como a formación, o acompañamento social e a creación de emprego forman parte dunha mesma estratexia orientada a xerar oportunidades reais de inclusión para persoas que buscan unha nova oportunidade laboral e persoal.

Previous articleA Delegación para a Mocidade impulsa novas experiencias para acompañar os mozos e mozas neste verán
Next articleO Cottolengo do Padre Alegre celebra 75 anos de servizo e coidado ás persoas máis vulnerables