Fervor e devoción na Clausura do Ano Xubilar Mariano de Cee

A Parroquia de Cee vestiuse de gala para celebrar a clausura do Ano Xubilar Mariano e a Coroación Canónica de Nosa Señora da Xunqueira, patroa da localidade, no final dun Ano Xubilar que lle foi concedido pola Santa Sé. Este xubileu comezou o 1 de maio de 2022, coa apertura da Porta Santa, e terminou coa Coroación Canónica hoxe 1 de maio ás 11 da mañá.

A solemne celebración foi presidida por mons. Julián Barrio, acompañado de mons. Francisco Prieto, así como do párroco de Cee Desiré Kouakou e outros sacerdotes diocesanos.

Asistiron tamén como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a alcaldesa, Margot Lamela, e a subdelegada do Goberno, María Rivas; e a Irmandade sevillana xunto a máis de 30 representacións relixiosas de distintos puntos de Galicia que acudirán á coroación, e numerosos fieis e devotos.

Na homilía, mons. Barrio agradeceu ao párroco e a todos os seus colaboradores o esforzo realizado durante o ano xubilar por sacar adiante esa iniciativa pois “o eco da Palabra de Deus chegou máis aló dos límites da Diocese”. E engadiu que “que a devoción á Virxe da Xunqueira viviuse con fondura relixiosa e foi faro orientador no medio das zozobras da vida de tantos devotos seus”.

D. Julián subliñou que unha piedade popular mariana que alenta a alma da xente sinxela e xenerosa, é fonte do zume que fai florecer e frutificar o compromiso cristián.
Durante a celebración impuxéronse as coroas, en concreto a coroa da Virxe, a coroa do Neno Xesús e o cetro. Estas pezas son obra do ourive sevillano Fernando Marmolejo.
Ao terminar a cerimonia, a Virxe foi levada en procesión pola localidade, con sete paradas. Empezou diante do Museo Fernando Blanco e cunha emotiva visita ao Hospital onde se pediu por todos os enfermos.

 

Previous articleMons. Julián Barrio: «A Igrexa ten moi en conta o sentir do pobo»
Next articleEncontro Diocesano de Nenos e Familias