A Familia Parroquial de San Pedro de Mezonzo (A Coruña) organizou, un ano máis, o seu Campamento Parroquial de verán. Non se trata dunha actividade illada, senón que forma parte dun PROXECTO de EDUCACIÓN nos valores do Evanxeo.
Nas 43 edicións celebradas xa son moitos os lugares que pisamos. Esta vez acolléronnos os sacerdotes Jhonny e Randall na súa Parroquia de San Cosme de Oíns (Arzúa); unha contorna rodeada de natureza, moita paz e unhas xentes que demostran ser, como en todos os lugares onde “acampamos”, moi acolledoras e servizais.
Unha edición, a presente, por onde pasamos máis de 60 persoas, os acampados (nenos/as, adolescentes e mozos) e monitores. Ademais, familias enteiras, pais e fillos/as que desfrutaron de fins de semana completas connosco, enchendo os espazos e as actividades da enerxía dos máis pequenos.

Outros, por traballos ou compromisos familiares, pasaron unha xornada ou momentos concretos, pero todos eles lévanse un pouquiño da “experiencia” dun Campamento Sampedromezoncita.
Desde hai uns anos o sacerdote e equipo de colaboradores da Unidade Pastoral de Dombodán e unidas súmase á Coordinación desta actividade achegando acampadas de varias Parroquias (este ano Brandeso e Branzá), co que a experiencia rompe as fronteiras parroquiais.
O ano pasado vivimos unha xornada co arcebispo e, nese pacto entre acampados e el, quedou xa institucionalizada como “a quedada con D. Francisco”. Por iso, cumprindo coa súa palabra, acompañounos o pasado martes 21 de xullo.

Alí, alén de ensinarlle as instalacións, compartiu cos acampados o xa vivido: obradoiros, deportes, a eucaristía coa Comunidade Parroquial, un bo roteiro de sendeirismo, a piscina, a visita a Tellas Verea ou o percorrido que ese día fixemos por “as pegadas do noso San Pedro de Mezonzo” (Santaia de Curtis, Santa María de Mezonzo e Sobrado dos Monxes).
O sol púxose, chegou a cea e un saboroso prato de pasta achegounos eses hidratos necesarios, aínda que os acampados nin podían sospeitalo, para cumprir ao día seguinte coa última etapa do Camino da Vía da Prata desde o Pico Sacro.
A despedida quedou inmortalizada coa foto que acompaña esta crónica e ese bo desexo do arcebispo de que pequenos e maiores desfrutásemos dos moitos días que aínda quedaban por diante.

Agora, despois destes primeiros días de descanso máis que merecido, queda saborear vivir: que podemos vivir con moito menos, que hai unha familia de sangue e outra que imos creando desde lazos de amizade ou de fe, que un pode estar rodeado pero sentirse só, que hai moitas adiccións máis aló das drogas, que todos nos equivocamos e hai que reconstruír, que os likes nunca son un bo medidor da túa valía como persoa ou simplemente o forxar un pensamento crítico desde o teu propio camiño de vida.
Un Campamento acaba e xa empeza o seguinte, polo menos na mente do MONITOR – MESTRE, porque a vida sempre nos empuxa cara adiante e trátase de ter VIDA e tela EN ABUNDANCIA.
Fonte: San Pedro de Mezonzo
