- Mons. Prieto afirmou que “sempre hai que ter moi claro cara a onde imos, por onde queremos ir, e con quen facemos ese camiño”.
- José María Albalad, director do Secretariado de sostemento da Igrexa (da CEE). falou sobre “A Sustentabilidade da Igrexa”.
Hoxe sábado, 28 de xaneiro, mons. Francisco Prieto presidiu o Pleno do Consello Pastoral Diocesano na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela, ante a ausencia do arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, que estaba a participar en Madrid na Asemblea da Conferencia Episcopal Española, dentro da etapa continental do Sínodo sobre a sinodalidade.
Despois da oración inicial, o bispo auxiliar de Santiago de Compostela, dirixiuse a todos os asistentes destacando que todo plan pastoral debe poñer sempre como punto de partida e como meta, aquel envío que o Señor fai en cada momento á Igrexa, a todo o pobo de Deus e proclamar. E afirmou que todos os membros deste Consello pastoral, como expresión na súa diversidade de rostros de carismas, de tarefas de misión, teñen unha vocación e unha visión compartida que nace da común vocación bautismal.
O Consello Pastoral é un instrumento ao servizo da comuñón eclesial facilitando a coordinación dos diversos sectores e das accións que están ao servizo da tarefa evanxelizadora. Este Consello ten como finalidade xeral estudar, analizar, valorar, discernir, suxerir propostas e avaliar aquilo que se refire ás actividades pastorais da Diocese, así como propiciar o encontro, o diálogo e a conxunción entre as diversas institucións e organismos implicados na acción pastoral.