Encontro dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago co Equipo de Catequese de Galicia

  • O mosteiro de Santa María de Ferreira acolleu unha xornada de traballo e reflexión conjunta sobre os desafíos actuais da catequese en Galicia

Nun clima de encontro fraterno e traballo conxunto, os bispos das cinco dioceses galegas reuníronse este martes no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, na provincia de Lugo, xunto aos delegados diocesanos de catequeses. A cita, que se celebrou no marco da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela, tivo como obxectivo abordar de forma colexial e sinodal as prioridades, retos e horizontes da catequese en Galicia.

Durante a xornada, destacouse a catequese como “unha prioridade na vida da Igrexa” e unha ferramenta “imprescindible para a evangelización”, especialmente nun contexto social que presenta novos desafíos pastorais. Entre os temas tratados figuraron o ministerio instituido do catequista, as dificultades comúns nas dioceses e a necesidade de coordinar actividades conxuntas que reforcen a formación e o acompañamento na fe.

Aínda que o equipo dos secretariados de catequeses de Galicia conta cun bispo responsable —neste caso, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto—, a intención do encontro foi compartir reflexións e propostas entre todos os responsables diocesanos para dar unha resposta máis coordinada e eficaz ás necesidades actuais.

O equipo de catequese galego ten a súa orixe no Concilio Pastoral de Galicia, que se preparou entre 1968 e 1974 e desenvolveuse ata 1978. Desde entón, traballou como unha plataforma de cooperación entre diocese no ámbito da formación cristiá, mantendo vivo o espírito de comuñón eclesial que inspirou aquel concilio.

A xornada concluíu co compromiso de seguir traballando unidos para revitalizar a catequese como camiño de crecemento na fe e de encontro co Evanxeo nas comunidades cristiás galegas.

Previous articleA fe e o turismo: unha alianza para descubrir Galicia cunha nova ollada.
Next article19S | Xornada Pastoral do Turismo