Este domingo 18 de xaneiro, a comunidade das Fillas da Natividade de María en Iñás recibiu a visita do arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández. A xornada comezou coa celebración da Eucaristía, presidida polo propio prelado, e continuou cun encontro próximo coas consagradas seculares , marcado polo diálogo fraterno.
Desde o inicio da celebración, o arcebispo quixo lembrar a todas as irmás que, ao longo dos anos, encarnaron o carisma suscitado na Igrexa a través do venerable Don Baltasar.
A partir das lecturas proclamadas, monseñor Prieto foi tecendo unha reflexión dirixida directamente á vida consagrada, recoñecéndoa como unha existencia “entregada” e “unxida polo Espírito”, chamada a transparentar o rostro misericordioso de Deus.
Tras a Eucaristía, o arcebispo mantivo un encontro coas irmás, no que puido compartir con elas de maneira máis persoal, agradecendo a súa presenza e a súa fidelidade ao carisma que custodian na Igrexa.












