Crónica X Xornada Interdiocesana de Pastoral Penitenciaria de Galicia

Xa vai pola décima edición a Xornada de encontro das Penitenciarias das dioceses galegas. O encontro congregou este pasado sábado 17 na Casa de Exercicios compostelana a un centenar de persoas entre voluntarios, capeláns e delegadas, funcionarios e internos e internas dos centros penitenciarios, e persoas próximas ó ámbito penitenciario de varias entidades sociais, de Cáritas, ou que simplemente que desexaban ter un achegamento. A Xornada foi aberta polo Arcebispo de Santiago, D. Francisco José Prieto, e contou coa presenza do ate este mes responsable desta Pastoral na Conferencia Episcopal, D. Fernando García Cadiñanos, Bispo de Mondoñedo-Ferrol. D. Fernando acompañou con especial sensibilidade esta realidade e desexa continuar moi vencellado á mesma.

Os obxectivos destas convocatorias son tres: reforzar a comuñón entre os equipos das dioceses galegas, ofrecer unha formación ó voluntariado, e crear sensibilidade social cara a realidade escondida do mundo penitenciario.

Este ano foi organizada pola diocese de Tui-Vigo, e conton coa exposición de D. José Luis Segovia, avogado e sacerdote da diocese de Madrid, e profesor do Instituto Pastoral da Pontificia de Salamanca. Segovia ten unha longa experiencia de traballo no mundo da exclusión social desde o compromiso pastoral e o estudo.

O tema foi a prisonización: a progresiva destrucción da personalidade provocada polo illamento social das longas estadías en prisión, así como a problemática da enfermidade mental dentro da prisión, moitas veces causa do delicto, e presente por desgracia en proporcións desorbitadas entre a poboación reclusa. O relator propugnou un verdadeiro cambio de paradigma no que se aposte pola inserción social dos reclusos, a humanización das penas, e o fincapé no tratamento personalizado. Existen alternativas á prisión e débese promover a xustiza restaurativa, que propugne o resarcimento da víctima, a responsabilización do victimario, a paz social e a posibilidade da reconciliación. Por outra parte débese buscar a prevención social do delicto, con, por exemplo, un serio plan nacional de atención á enfermidade mental que logre superar as carencias da sanidade pública neste campo. Esta é a opción da Igrexa: o traballo pola inserción social tendo en conta o perdón e a perfectibilidade da persoa no corazón do Evanxeo.

Por outra parte, a Xornada contou coas interesantes participacións de Dª Marina Fuentes, psiquiatra do C.P. de A Lama, e Dª Margot Losada, educadora social no módulo de atención psiquiátrica de Teixeiro, quen puxeron en valor o traballo especializado e denunciaron a escaseza de psiquiatras e recursos específicos neste campo nos cárceres de España. Un creativo podcast permitiu dar voz a diferentes testemuños de presos, poñendo unha nota de cor no programa. A participación das presas e presos na Xornada permitiu abrir unha necesaria fiestra cara un mundo que non debe quedar orillado nunha sociedade democrática e de dereito, no que a comunidade de seguidores de Xesús faise presente, pois a Igrexa naceu entre cárceres e acompañando ós seus presos, e clamando polo Reino e a vinda dunha nova xustiza.

Previous articleDía del Seminario 2.024
Next articleA parroquia de San Xosé de Pontevedra celebra o seu patrón e o corenta aniversario do seu templo