Coa finalidade de colaborar na loita contra a pobreza e a exclusión social a Fundación María Esperanza Rubio Romero e Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela asinaron un convenio de colaboración. Subscribiron o acordo por parte da Fundación a presidenta do Padroado, Filomena Casal Gómez, e por Cáritas a súa directora diocesana, Pilar Farjas Abadía.
O obxecto do presente convenio é fixar os termos de colaboración entre Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e a Fundación Maria Esperanza Rubido Romero, co obxectivo de axudar as persoas en situación de exclusión residencial que sexan acollidas, de maneira temporal, na rede de vivendas que posúe Cáritas e indicadas no proxecto adxunto a este convenio e que será actualizado anualmente, de forma que se apoie as persoas en situación de exclusión social a mellorar a súa vida e a integrarse na comunidade.
Cubertas as estancias
No documento sinálase que Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela traballa, desde os equipos parroquiais ou as estruturas interparroquiais e diocesanas, na loita contra a pobreza, acompañando as persoas na atención ás súas necesidades básicas, pero fundamentalmente empoderándolas e dotándoas de recursos persoais, laborais e sociais que lles permitan saír da exclusión socioeconómica e da pobreza, recuperando a dignidade e a liberdade.
Dentro da carteira de axudas que ofrece a entidade está rede de vivendas de acollida temporal para familias en situación de desafiuzamento ou con imposibilidade manifesta para acceder a unha vivenda polo que Cáritas prové de prazas en vivendas normalizadas con todos os gastos que se derivan da estancia cubertos
Compromisos
Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela Comprométese a:
– Poñer en marcha, desenvolver e supervisar as axudas e programas necesarios para mellorar a situación das persoas excluídas socialmente.
– Facer a selección das persoas que necesiten axuda social, mediante os programas que considere oportunos.
– Xestionar os recursos humanos, técnicos e económicos necesarios para o desenvolvemento deste labor.
– Facerse cargo dos gastos xerados pola devandita acción social.
– Realizar un informe anual, técnico e económico, das actividades/programas que recibisen axuda económica da Fundación María Esperanza Rubido Romero.
– Facer constar explicitamente en todo tipo de publicidade e información relativa ás actividades/programas, financiados total ou parcialmente pola axuda económica da Fundación María Esperanza Rubido Romero, que leven difusión ou publicación, o logotipo desta.
Pola súa banda a Fundación María Esperanza Rubido Romero asume os seguintes compromisos:
– Favorecer a inserción social, a mellora da alimentación e o tratamento científico das persoas en situación de exclusión residencial, a través do apoio económico a Cáritas Diocesana de Santiago, cun donativo anual, para as actividades sociais englobadas neste convenio.
– Establecer a contía anual a doar que a Fundación María Esperanza Rubido Romero considere oportuna, en función da proposta de actividades que Cáritas Diocesana de Santiago reflicta en memoria de solicitude.
– Ingresar o importe correspondente á doazón, na conta de Cáritas Diocesana de Santiago.
O presente convenio ten duración de 1 ano, a partir da data da súa firma, prorrogándose anualmente, salvo que algunha das partes comunique o seu desexo de non prorrogalo, de maneira fidedigna, polo menos 30 días antes da finalización do ano en vigor.