A parroquia de Carreira viviu este xoves unha xornada especialmente significativa coa celebración do Sacramento da Confirmación. Un grupo de mocidade recibiu o don do Espírito Santo tras completar a súa formación catequética. A cerimonia foi presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto.
Familiares, padriños e membros da comunidade parroquial acompañaron aos confirmados neste momento clave do seu camiño de fe. O arcebispo destacou a importancia deste sacramento como culminación da iniciación cristiá e, ao mesmo tempo, como o inicio dunha vida comprometida co Evanxeo.
Durante a súa homilía, monseñor Prieto animou a mocidade para vivir a fe “con autenticidade”, lembrando que ser cristián non é só unha tradición, senón unha vocación persoal. “Deus non obriga —dixo—. Deus regala liberdade e quere contar convosco para que sexades testemuñas sinxelas e auténticas da fe que celebramos”.
Lembrou tamén a figura de San Paio, mártir galego cuxa memoria se celebraba ese día, como exemplo de coherencia e valentía na fe. “O don do Espírito fortaleceu o seu corazón. Foi capaz de entregar a súa vida por aquilo no que cría”, sinalou.
O arcebispo recoñeceu que hoxe non sempre é fácil confesar a fe, pero convidou a mocidade a non ter medo nin vergoña. “Non nos avergoncemos de crer naquel que nos ama e non se cansa de amarnos”, expresou, subliñando a necesidade de vivir a fe día a día, con sinxeleza, tenrura e compromiso cos demais.
Finalmente, no contexto do Xubileu da Esperanza convocado polo Papa Francisco, monseñor Prieto chamou aos presentes para ser “peregrinos de esperanza”, compartindo a vida e a fe nun mundo que necesita luz, verdade e amor.












