Queridos diocesanos:
Sabemos das tráxicas consecuencias que está a ter a guerra en Ucraína e que toda a nosa preocupación polas persoas que dunha ou outra maneira están a sufrilas, sempre será pouca. Así se está demostrando nesta corrente de solidariedade e fraternidade que está a xurdir nestes días. A nosa fe actúa a través da caridade e impúlsanos á oración. Neste sentido convídovos a unirse ao papa Francisco que realizará a Consagración de Rusia e Ucraína ao Corazón Inmaculado de María na Basílica de San Pedro o próximo día 25 de marzo ás 17 horas, durante a celebración da Penitencia coa que se inicia en Roma a xornada “24 horas para o Señor”.
Tamén é providencia que en España ese día, solemnidade da Anunciación, celebramos a Xornada pola vida co lema “Acoller e coidar a vida, don de Deus”. A Consagración de Rusia e Ucraína que realizará o papa Francisco atopa un eco especial entre nós no Santuario das Aparicións de Pontevedra, onde a paz do mundo se fixo promesa por parte da Nai do ceo.
Tratando de coidar sempre a vida e sentindo a necesidade de intensificar a oración, pídovos a todos, sacerdotes, membros de vida consagrada e laicos acompañar en oración ao Santo Padre neste acto. Non esquezamos que o que a nós nos pareces imposible, para Deus non o é.
Neste camiño cara á Pascua a través da Coresma oremos pola paz do mundo. Saúdavos con afecto e bendí no Señor,
+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela