Cáritas Diocesana de Santiago celebrou hoxe no Mosteiro de San Martiño Pinario a xornada “Acompañar tamén é denunciar. Cáritas fronte ás violencias machistas”, un encontro que situou no centro o compromiso da sociedade e Iglesia coa defensa da dignidade das mulleres vítimas de violencia, trata e prostitución.
O acto foi inaugurado polo arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández, quen lembrou que “a Igrexa non pode permanecer calada ante a dor da explotación e a trata. A súa palabra e a súa acción deben ser sempre un berro contra a inxustiza”. Pola súa banda, a directora diocesana de Cáritas, Pilar Farjas Abadía, subliñou que “acompañar implica tamén denunciar porque non hai verdadeira caridade se non nos comprometemos coa transformación social”.

O papel de Cáritas en atención singular
O relatorio principal correu a cargo de Mabel Cenizo Benito, responsable de comunicación, incidencia política e voluntariado en Cáritas Guipúscoa, quen profundou na realidade das violencias machistas desde a perspectiva da Doutrina Social da Igrexa. Cenizo destacou que “a Igrexa pode desempeñar un papel fundamental na loita contra as violencias machistas, promovendo a dignidade, a xustiza e o coidado das mulleres”. Sinalou que “a violencia sexual afecta maioritariamente a mulleres e subliñou a importancia de recoñecer a súa autonomía, non instrumentalizar os seus corpos e acompañalas en procesos de empoderamento”.
Ademais, lembrou que “a doutrina social da Igrexa ofrece un marco sólido para guiar a acción de Cáritas, fomentando o acompañamento, a responsabilidade e a construción comunitaria”. E concluíu que “desde Cáritas estamos lexitimadas para ofrecer propostas sanadoras e socialmente vinculadas aos dereitos das mulleres, tanto para a sociedade como para as políticas públicas”.

A sesión completouse coa presentación do documento “Acompañando a mulleres en situación de violencias machistas: a mirada e a acción de Cáritas”, coa participación de Leticia Escutia, responsable do programa de Muller, Trata e Prostitución de Cáritas Española, e Lorena Nieto, responsable da área de saúde integral do Programa Vagalume.














