Cáritas Diocesana de Santiago e o Arcebispado firman un convenio para integrar unha vivenda de acollida en Lema, en Carballo, na rede de vivendas de atención da entidade

Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e o Arcebispado asinaron un convenio de colaboración que permitirá incorporar á rede de Cáritas unha vivenda de acollida para persoas e familias en situación de vulnerabilidade na localidade de Lema, no concello de Carballo.

O acordo, subscrito por Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana, e José Manuel García Gondar, párroco e consiliario de Cáritas Interparroquial de Bergantiños, xunto a Fernando Barros, ecónomo da Arquidiocese de Santiago de Compostela, contempla a cesión por parte do Arcebispado da casa reitoral de Lema, situada na Rúa do Igrexario nº 34, para o seu uso como recurso residencial xestionado por Cáritas Diocesana.

Este novo espazo destinarase a acoller e acompañar a persoas sen recursos, en liña coa misión de Cáritas de promover o desenvolvemento integral das persoas, especialmente aquelas que se atopan en situación de exclusión social.

A entidade asumirá a adecuación do inmoble, así como a súa xestión integral, incluíndo os aspectos legais, administrativos e laborais necesarios para o seu funcionamento. A directora de Cáritas Diocesana, Pilar Farjas, destacou que “este convenio permítenos consolidar un espazo para dar resposta a necesidades reais na comarca de Bergantiños. É unha mostra de como a colaboración pode traducirse en solucións concretas para quen máis o necesitan.”

O convenio terá unha vixencia inicial de catro anos, prorrogable automaticamente por anualidades sucesivas, e enmárcase na estratexia de Cáritas de ampliar a súa rede de recursos de atención directa no territorio.

Con esta iniciativa, Cáritas Diocesana de Santiago poñerá toda a súa experiencia na xestión deste tipo de instalacións para reforzar o seu labor de resposta social desde a proximidade, apostando por solucións que dignifican e transforman vidas, en colaboración coas estruturas eclesiais e o tecido comunitario.

Previous articleReunión do Consello de Presbiterio
Next articleO arcebispo de Santiago monseñor Francisco Prieto presidiu a reunión do Comité Organizador Igrexa – empresarios, do seminario “Ética e IA. A IA cambia ou transforma a persoa?” que se celebrará os días 6 e 7 de novembro próximo no seminario maior.