Esta mañá, nos Xardíns da Cidade do Vaticano, en Roma, o Cardeal Fernando Vérgez Alzaga, Presidente Emérito da Gobernación do Estado da Cidade do Vaticano, bendixo o panel cerámico que representa a Aparición da Virxe do Pilar ao Apóstolo Santiago. No acto participou o Deán da Catedral de Santiago, Don Manuel Jesús Formoso. Participaron tamén representantes da diocese de Zaragoza, acompañados polo seu Arcebispo, Monseñor Carlos Escribano, e a Embaixadora Española ante a Santa Sé, Isabel Celaá, así como José Jaime Brosel, Reitor da Igrexa Nacional Española de Roma.
Esta obra, situada no coñecido como Bastione Mestre, nos xardíns que rodean a basílica de San Pedro, convértese na representación oficial de España neste espazo do Vaticano, onde xa se atopan outras imaxes marianas pertencentes a diversas nacións, a maioría delas representando a países de Hispanoamérica.
Os azulexos foron elaborados e decorados a man, seguindo os modelos da cerámica valenciana do século XVIII, e forman un retablo de 140 cm de alto. A composición reflicte o modelo iconográfico tradicional da aparición: a Virxe sobre a columna, o Apóstolo Santiago axeonllado como peregrino, e unha vista idealizada de Zaragoza xunto ao río Ebro. Trátase dunha piadosa tradición, segundo a cal, un 2 de xaneiro do ano 40, o Apóstolo Santiago o Maior atopábase en Cesaraugusta (actual Zaragoza), a beiras do río Ebro, xunto a un pequeno grupo de cristiáns, nun momento en que viu fraquear as súas forzas e comezaba a preguntarse se tiña sentido seguir predicando a mensaxe de Xesús nesa terra. É nese momento cando viu a María, a nai de Xesús, rodeada de anxos que, desde Xerusalén (aínda non morrera María), viña para confortalo e renovar os seus ánimos. Alí deixou como lembranza o Pilar, a columna de xaspe que hoxe sostén a súa imaxe, na basílica do Pilar de Zaragoza.
A iniciativa é un proxecto conxunto da Conferencia Episcopal Española e a Igrexa de Santa María de Montserrat dos Españois de Roma (tamén coñecida como Igrexa Nacional Española de Santiago e Montserrat), e conta coa colaboración dos cabidos das catedrais de Zaragoza e de Santiago de Compostela.







