Arroupa-Moda Re, impulsada por Cáritas Diocesana de Santiago, consegue o recoñecemento “Premio Solidarios Grupo Social ONCE Galicia 2025” na categoría de empresa

Estes premios Solidarios son a máxima distinción que concede o Grupo Social ONCE a nivel autonómico, cuxo obxectivo é recoñecer as persoas físicas ou xurídicas que destaquen polo seu labor solidario na súa contorna de influencia.
O xurado decidiu outorgar o galardón na categoría de Empresa a Arroupa-Moda Re, proxecto promovido por Cáritas Diocesana de Santiago, que se centra na recollida, reutilización e reciclaxe de roupa usada. O seu obxectivo é fomentar a economía circular e xerar emprego para persoas en situación de exclusión. Conta cunha rede de tendas solidarias en toda España, xestionando máis de 44.000 toneladas de residuos téxtiles.
Arroupa-Moda Re ten un destacado impacto social, ambiental e económico. En Galicia, xestionan puntos de recollida e tendas solidarias en Santiago de Compostela, Coruña, Ferrol, Arteixo ou Carballo. A empresa conta na actualidade con 37 traballadores, dos que só 8 son permanentes. Os 29 restantes son persoas que atopan na iniciativa de Cáritas Diocesana de Santiago unha oportunidade para empregarse e formarse cursando un itinerario de inserción ata un máximo de 3 anos.
O Xurado dos Premios Solidarios Grupo Social ONCE Galicia 2025 formárono Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia; Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE en Galicia; Cristina Arias Serna, conselleira xeral da ONCE; Arturo Parrado Puente, director xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia; María Alonso, presidenta de FAXPG; Marcos Gómez Paz Roñó, secretario autonómico de Cruz Vermella; e Carlos Varela Castiñeiras, xornalista do Gabinete de Comunicación da Administración Económica.
Os Premios Solidarios Grupo Social ONCE Galicia 2025 entregaranse o 5 de xuño, no transcurso dunha Gala que se celebrará no Teatro Colón da Coruña.
Fonte: Cáritas Diocesana
Previous articleEncontro do arcebispo co empresariado galego no Club Financeiro de Santiago
Next articleXubileo dos Cregos de Galicia nos Milagres