A Oficina de Acollida ao Peregrino conta desde hoxe cunha escultura de Homeless Jesus

Esta mañá, o Arcebispo de Santiago de Compostela, Monseñor Francisco Prieto, inaugurou a escultura Homeless Jesus (Jesús sen fogar), no xardín da Oficina de Acollida do Peregrino, obra do recoñecido artista canadense Timothy Schmalz.

Homeless Jesus é unha representación visual do capítulo 25 do Evanxeo de San Mateo («Porque tiven fame e déstesme para comer, tiven sede e déstesme de beber, fun forasteiro e hospedástesme, estiven espido e vestístesme, enfermo e visitástesme, no cárcere e viñestes verme»), que subliña a presenza de Cristo entre os máis marxinados. A escultura mostra unha figura humana recostada nun banco, envolvida nunha manta, co rostro cuberto, na que só as chagas visibles nos pés revelan que se trata de Jesús.

A obra transmite unha forte mensaxe social e convida á reflexión e á empatía, xa que hai espazo no banco para que calquera poida sentar xunto a Cristo. A instalación da escultura é posible grazas á doazón de Diane e Tim Needles, de Cleveland (Ohio, Estados Unidos), que dedican a súa vida para axudar os menos favorecidos.

A escultura, realizada en bronce e de algo máis de dous metros de longo, ten a súa orixe nunha mesma peza realizada en 2013. A obra orixinal atópase no Regis College da Universidade de Toronto e foi concibida como unha forma de denunciar a situación das persoas sen teito. Posteriormente, colocáronse preto dun centenar de réplicas en todo o mundo, por exemplo, na Cidade do Vaticano ou na catedral de Saint John the Divine de Nova York. En España poden verse na catedral da Almudena de Madrid e na igrexa de Santa Ana de Barcelona.

Timothy Schmalz

Desde hai máis de 25 anos, Timothy Schmalz constrúe esculturas a gran escala. Schmalz é un artista figurativo e as súas pezas están instaladas en todo o mundo. Algunhas das súas obras máis recoñecidas descansan en lugares históricos de Italia, Canadá, Estados Unidos e o Vaticano e foron bendicidas polo Papa Francisco: Homeless Jesus, Angels Unawares, Untier Of Knots, Sheltering e Let The Oppressed Go Free. Tim describe o seu traballo como traducións visuais da Biblia. Aínda que a maior parte das súas esculturas baséanse nun tema espiritual, tamén crea grandes e complexas esculturas públicas en bronce. Algunhas delas inclúen monumentos en honra aos veteranos e aos bombeiros. Tim esfórzase por crear obras de arte épicas que conecten cos espectadores a través do deseño e os detalles que non só conmovan ao espectador a nivel emocional, senón que tamén lle permiten sentirse en certo xeito “parte” da obra.

Previous articleRadio Vaticana entrevista mons. Francisco José Prieto nunha edición especial dedicada ao Apóstolo e ao Camiño de Santiago
Next articleSampedromezoncitas: un campamento onde a diferenza se abraza e o Evanxeo cobra vida en cada mirada