- O arcebispo, monseñor Francisco Prieto, presidiu o Consello de Asuntos Económicos da Diocese de Santiago de Compostela.
- A execución orzamentaria asciende a 21,1 millóns para o ano 2024.
Na mañá do xoves 21 de decembro, o arcebispo mons. Francisco Prieto, acompañado do Vigairo xeral, José Andrés Fernández Farto, presidiu o Consello de Asuntos Económicos da Diocese. Un organismo diocesano que está formado por sacerdotes e laicos cualificados, expertos en materia económica e en dereito civil, e de probada integridade. Compete a este Consello (segundo indica o c 493 do CIC) elaborar cada ano o orzamento de ingresos e gastos para todo o réxime da diocese no ano entrante, así como aprobar as contas de ingresos e gastos a fin de ano.
Nun exercicio de transparencia, a Igrexa Diocesana en Santiago de Compostela fixo públicas as súas contas cunha previsión para o novo ano, un escenario que o ecónomo diocesano, Fernando Barros, considera bastante positivo: “Un orzamento, o de 2024, que presenta un incremento do 5,82 % respecto ao orzamento aprobado para 2023”.
Neste sentido, o máis significativo do balance económico para o 2024 vai ser o incremento en Actividades Pastorais, un 40,9 %, situándose en 1,7 millóns, entre as cales se inclúen a catequese, a liturxia, a actuación social e caritativa, as achegas para as misións ou para Mans Unidas, Cáritas ou as Cociñas Económicas…
Destacar tamén o orzamento de 6,4 millóns de euros que se vai a destinar á conservación de edificios e gastos de funcionamento, o que supón un incremento do 26,27 %.
Con respecto aos ingresos, cabe apuntar no orzamento para 2024 as achegas dos fieis -7,4 millóns de euros-, un incremento do 24,58 %, e tamén un aumento do 2,81% das achegas do Fondo Común Interdiocesano, chegando aos 6,9 millóns.
Por último, destacar o incremento do 35,26 % en Ingresos de Patrimonio e outras actividades -un total de 3,3, millóns de euros-, principalmente pola significativa mellora no ámbito de Ingresos Financeiros pola normalización da política monetaria e a volta á retribución de contas correntes e en Actividades Económicas onde se prevé unha volta a certa normalidade e a incorporación da actividade da Casa de Exercicios de Santiago.
Toda información económica, convenios, estudos e informes, etc. están recollidos no Portal de Transparencia do Arcebispado de Santiago de Compostela: Portal de Transparencia