Este fin de semana unha representación da Diocese, o arcebispo D. Francisco Prieto, laicos e laicas, sacerdotes e diáconos, estivo presente no Encontro de primeiro anuncio “Pobo de Deus unido na misión”.
Enviados pola Diocese fomos percorrendo, xunto a máis de 600 persoas de toda a Igrexa que peregrina en España, un camiño de profundización do primeiro anuncio como prioridade pastoral.
Durante ese camiño fomos pasando por varias paradas: primeiro, facer primeiro anuncio na vida cotiá, porque como bautizados somos unha misión. Descubrimos que temos que estar presentes, dar testemuño, abrirnos ao diálogo coas persoas e anunciar a boa nova.
Tamén fixemos parada en como acompañar a quen descobre a Xesús, para que alimente a súa fe na comunidade, porque non podemos vivir alleos.
E por último, a importancia da conversión pastoral e que temos que con-formarnos ao estilo de Xesús de Nazaré.
Volvemos á nosa arquidiocese para poñer en común o vivido en Madrid, e resaltar que o primeiro anuncio é ir ao esencial: anunciar o amor de Deus, que vén a salvarnos e que se mostra no día a día en cada persoa e en toda circunstancia.
Alfredo Losada
Delegado para o laicado