A Arquidiocese de Santiago celebra por primeira vez o Día dos Santos Diocesanos: “A santidade é o rostro máis belo da Igrexa”

A Igrexa compostelá celebrou este domingo por primeira vez o Día dos Santos Diocesanos, unha xornada instituida polo Papa Francisco poucos meses antes do seu falecemento co obxectivo de honrar aos santos e mártires nados en cada diocese.
Esta conmemoración, que pasará a formar parte do calendario litúrxico diocesano, busca reforzar a idea de que a santidade non é algo afastado nin exclusivo, senón unha chamada posible na vida cotiá. A iniciativa pretende recoñecer a quen, desde a súa fe sinxela e o seu compromiso diario, foron testemuño do Evanxeo nas comunidades onde viviron.
O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu as celebracións da xornada, acompañado por Carlos Miramontes Seijas, responsable do Departamento Diocesano para a Causa dos Santos.

A primeira Eucaristía celebrouse ás 11:00 horas na parroquia de San Paio de Sabugueira, moi preto de Lavacolla, lugar natal de Sor María Luisa Bermúdez Ruiz, Filla da Caridade de San Vicente de Paúl, mártir en 1936. Sor María Luisa ofreceu a súa vida durante a persecución relixiosa, converténdose en símbolo de fidelidade e entrega cristiá.

Ás 13:00 horas, o arcebispo trasladouse á parroquia de San Mamede de Seavia, nas proximidades de Coristanco, onde presidiu outra eucaristía en recordo de Sor Isabel Remuiñán Carracedo, Franciscana Misioneira do Divino Pastor, tamén mártir en 1936. Dedicada á educación e ao servizo dos máis necesitados, Sor Isabel deixou un testemuño profundo de fe e vocación evanxélica.

Durante a homilía, monseñor Prieto subliñou que a verdadeira beleza da Igrexa reside na vida dos crentes que se deixan transformar polo amor de Dios. Lembrou que cada persoa bautizada é “templo vivo do Espírito” e que a santidade consiste precisamente en deixarse habitar por esa presenza.

O arcebispo convidou os fieis a mirar cara ao seu interior e recoñecer os “ruídos” que ás veces escurecen o corazón e afastan de Deus, como a indiferenza, a discordia ou a procura do propio interese. Fronte a iso, alentou a cultivar a serenidade, a reconciliación e a fraternidade, valores que nacen dun corazón habitado por Deus.

Con esta primeira edición, o Día dos Santos Diocesanos consolídase como unha cita anual destinada a manter viva a memoria dos santos locais e a lembrar que a santidade se constrúe día a día, nos xestos sinxelos e na fidelidade ao Evanxeo.

Previous articleA Diocese de Santiago celebra o Día da Igrexa Diocesana cunha chamada a vivir a santidade no cotián
Next articleO arcebispo de Santiago recibe o alumnado do Colexio A nosa Señora do Carme de Fisterra