A Diocese de Santiago celebra o Día da Igrexa Diocesana cunha chamada a vivir a santidade no cotián

  • A xornada, que se celebra este domingo 9 de novembro, invita os fieis a redescubrir a chamada universal á santidade na vida cotiá.
  • A publicación A nosa Igrexa ofrece datos sobre a actividade pastoral, educativa, misioneira, caritativa e económica da Arquidiocese.

 Con motivo desta xornada, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, dirixiu unha carta pastoral publicada na revista A nosa Igrexa, na que lembra que a santidade “non é un privilexio reservado a uns poucos, senón unha vocación universal que alcanza a cada persoa na súa realidade concreta”. Na súa mensaxe, o prelado subliña que o camiño da santidade non se atopa nos xestos heroicos, senón na fidelidade e o amor con que se vive o ordinario (o traballo, os estudos, a familia, as relacións persoais ou o compromiso social).

O arcebispo convida os fieis a vivir unha Igrexa sinodal, na que todos camiñen unidos, sen exclusións, compartindo a misión evanxelizadora nos distintos ámbitos da vida diocesana. “Ser cristián é unha vocación, non unha inscrición”, sinala, animando aos crentes a redescubrir as raíces da fe e a vivir a santidade desde a comuñón e a fraternidade.

Con motivo do Día de la Iglesia Diocesana, difundiuse a revista A nosa Igrexa, unha publicación que reflicte a actividade pastoral, educativa, misioneira, caritativa, cultural e económica da Arquidiocese de Santiago durante o ano 2024. Este documento constitúe un exercicio de transparencia e rendición de contas, ao recoller a conta xeral de ingresos e gastos da diocese, así como o alcance da súa acción social, educativa e pastoral.

A publicación inclúe tamén información sobre o programa X Tantos, co lema “O ben que fagas serache devolto”, que facilita a colaboración económica periódica ao sostemento de la Iglesia a través de cotas domiciliadas ou mediante o portal www.donoamiiglesia.es que permite realizar donativos de forma segura desde calquera dispositivo.

No ámbito da acción caritativa e social, a Arquidiocese de Santiago atendeu durante o último ano a un total de 134.299 persoas a través de 62 centros distribuídos por todo o territorio diocesano. Entre as principais actuacións, destacan os cinco centros dedicados á atención e mitigación da pobreza, que ofreceron axuda a 21.313 persoas, e as dezanove casas destinadas a anciáns, enfermos crónicos e persoas con discapacidade, que acolleron a 2.358 usuarios. Así mesmo, catorce centros traballan na tutela e acompañamento de menores e novos, con 4.210 persoas atendidas, mentres que o centro de rehabilitación para drogodependentes deu servizo a 634 persoas.

A diocese conta tamén con catro centros dedicados á defensa da vida e a familia, nos que foron atendidas 318 persoas, e tres centros orientados á promoción da muller e a atención a vítimas de violencia, que acompañaron a 195 mulleres. Ademais, trece centros de promoción laboral axudaron a 2.832 persoas no seu proceso de inserción e capacitación profesional.

De maneira complementaria, o labor de Cáritas Diocesana de Santiago, sostida polo traballo solidario de 2.800 voluntarios, permitiu acompañar a 46.551 persoas e beneficiar a outras 23.362 a través dos seus programas de atención social, formación e inserción. Pola súa banda, Mans Unidas, con 254 voluntarios activos, desenvolveu 31 proxectos de cooperación ao desenvolvemento en distintos países do mundo, con 2.697 persoas atendidas e 3.291 beneficiadas directamente.

A actividade celebrativa do último ano reflicte igualmente a vitalidade da diocese, con 4.795 bautizos, 3.079 confirmacións, 5.745 primeiras comuñóns e 727 matrimonios. No ámbito educativo, a diocese conta con 49 centros católicos concertados nos que se forman 26.294 alumnos acompañados por 2.008 docentes. Así mesmo, mantén un importante labor misioneira, con 113 misioneiros presentes en distintos lugares do mundo, e unha constante tarefa de conservación do patrimonio cultural, con 47 bens inmobles de interese cultural e 28 proxectos de construción e rehabilitación en curso.
A Arquidiocese de Santiago está conformada, tras a reestruturación pastoral de abril de 2024, por 1.170 parroquias distribuídas en 15 arciprestados: sete na Vigairía de Santiago, cinco na da Coruña e tres na de Pontevedra. Conta con 415 sacerdotes diocesanos, 557 relixiosos e relixiosas, 152 monxas e monxes de clausura, 1.402 catequistas, 12 seminaristas diocesanos, 22 seminaristas do Seminario Maior Interdiocesano e 9 diáconos permanentes.
O motor principal da economía segue sendo a xenerosidade dos fieis: donativos, legados e colectas que, no seu conxunto, representan o 38% dos ingresos diocesanos. A iso súmase a comuñón con outras dioceses de España a través da Asignación Tributaria, ese xesto silencioso co que cada contribuínte pode marcar unha cruz na súa declaración da Renda para destinar o 0,7% da súa cota á Igrexa, sen custo engadido nin diminución de devolucións. Grazas a este sistema, o Fondo Común Interdiocesano redistribúe recursos que permiten á Igrexa compostelá soster a súa misión pastoral e asistencial, ademais de coidar do vasto patrimonio histórico que custodia.
En 2024, a Arquidiocese xestionou 29,09 millóns de euros, dos cales máis de 20,7 millóns destináronse a empregos ordinarios. Entre eles, 4,89 millóns foron investidos en actividades pastorais e asistenciais, con 1,05 millóns dirixidos directamente a obras asistenciais e outro millón para soster á Igrexa universal.
O coidado das persoas que sosteñen a vida eclesial tamén se fixo visible: 5,94 millóns garantiron a retribución e prestacións sociais dos sacerdotes, mentres 2,43 millóns apoiaron ao persoal laico, colaboradores imprescindibles en cada parroquia. A formación, semente do futuro, recibiu 408.000 euros para o Seminario Maior, o Menor e outros centros de estudos. Finalmente, 7,05 millóns investíronse na conservación de templos e o mantemento ordinario de espazos de oración, prolongando a vida dun patrimonio que garda séculos de historia e espiritualidade. A iso engadíronse 3,14 millóns para programas de rehabilitación e 2,23 millóns para iniciativas extraordinarias.
O arcebispo conclúe a súa mensaxe cunha chamada á comuñón e ao compromiso: “Camiñade xuntos, sen exclusións nin particularismos, en todas as presenzas e realidades comunitarias. Que a acción do Espírito faga fecunda a entrega xenerosa e creativa de todos os membros da nosa diocese”. Con esta invitación, a Diocese de Santiago celebra o Día de la Iglesia Diocesana co propósito de fortalecer a comuñón eclesial, vivir a santidade no cotián e renovar o compromiso compartido no servizo á fe, a esperanza e a caridade. Revista «A nosa Igrexa»

Previous articleA Igrexa asómase ao mundo do traballo coa exposición “Rostros do Mundo do Traballo”
Next articleA Arquidiocese de Santiago celebra por primeira vez o Día dos Santos Diocesanos: “A santidade é o rostro máis belo da Igrexa”