A Arquidiocese de Santiago celebra o Corpus Christi alzando a mirada cara a Cristo e os máis necesitados

  • A solemnidade celebrouse en toda a diocese con actos litúrxicos e procesións.
  • Cáritas e o compromiso cos máis vulnerables marcaron a mensaxe dunha xornada dedicada tamén á caridade
A Arquidiocese de Santiago de Compostela celebrou este domingo a Solemnidade do Corpus Christi, unha das festividades máis significativas do calendario litúrxico católico, con celebracións relixiosas e procesións en numerosas parroquias de toda a diocese. A xornada estivo marcada pola adoración á Eucaristía e polo tradicional Día da Caridade, que este ano se desenvolveu baixo o lema de Cáritas “Elixe amar, elixe a comunidade”.

Na Catedral de Santiago a celebración tivo lugar ás 19.30 horas, onde numerosos fieis participaron na Eucaristía presidida polo deán da basílica compostelá, Manuel Jesús Formoso Fernández. A cerimonia contou coa concelebración de varios sacerdotes, tanto do Cabildo Catedralicio como de parroquias da cidade, alén doutros presbíteros que acudiron como peregrinos ao templo xacobeo. A parte musical estivo a cargo do Coro Cardenal Quiroga e da Escolanía da Catedral.

A ausencia do arcebispo de Santiago estivo presente desde o inicio da celebración. No seu saúdo aos asistentes, o deán transmitiu a mensaxe do prelado, quen non puido presidir os actos ao atoparse en Madrid xunto ao arcebispo emérito participando na visita pastoral que o papa León XIV realiza estes días en España.

Durante a súa homilía, Manuel Jesús Formoso lembrou o profundo significado da solemnidade do Corpus Christi, unha festividade que invita os crentes a contemplar a Xesucristo como “pan de vida” e presenza permanente que acompaña ao pobo cristián. O deán destacou que a Eucaristía non só debe ser adorada, senón tamén vivida a través dun compromiso real cos demais.

“Cristo non permanece encerrado no templo. Sae ao encontro da vida cotiá, ilumina as nosas feridas e impúlsanos a transformar a sociedade coa forza humilde do amor”, afirmou durante a súa intervención.

O deán  da Catedral compostelá subliñou así mesmo a estreita relación entre a celebración eucarística e a caridade cristiá. Neste sentido, lembrou que o Corpus Christi é tamén o Día da Caridade, unha ocasión para poñer a mirada en quen sofre a pobreza, a soidade ou a exclusión social.

Ao longo da súa reflexión, fixo referencia aos numerosos desafíos que atravesa a sociedade actual, marcada por conflitos, sufrimentos e situacións de vulnerabilidade. Fronte a esa realidade, sinalou que a Eucaristía constitúe unha chamada permanente á fraternidade e ao compromiso co próximo.

“O pan partido no altar ensínanos que a vida adquire o seu verdadeiro sentido cando se entrega”, expresou o deán, quen tamén agradeceu o traballo que Cáritas desenvolve de xeito silencioso xunto a miles de persoas necesitadas.

Tras a Eucaristía, e como é tradición, o Santísimo Sacramento foi levado en procesión polas rúas do centro histórico de Compostela. O percorrido incluíu A Quintana, Conga, rúa Nova, Toural, rúa do Vilar e Praterías.

O lema escollido este ano, “Elixe amar, elixe a comunidade”, estivo presente en toda a xornada como unha invitación para construír relacións baseadas na solidariedade, a fraternidade e o ben común. A Igrexa compostelá lembrou que a celebración do Corpus Christi non se limita a unha manifestación externa de fe, senón que impulsa os crentes a traducir esa fe en xestos concretos de amor e servizo.

A solemnidade celebrouse en numerosos puntos da arquidiocese. Na cidade herculina, os actos estiveron presididos polo vigairo da Coruña, Severino Suárez, mentres que en Pontevedra fíxoo o vicario xeneral, José Andrés Fernández Farto.

Deste xeito, as comunidades cristiás de toda a Arquidiocese de Santiago uníronse á celebración do Corpus Christi que, horas antes, presidira o papa León XIV durante a súa visita pastoral a España. Unha xornada de fe, oración e servizo que volveu situar no centro a mensaxe de amor, fraternidade e comunidade que a Igrexa propón no Día do Corpus Christi.

 

 

Previous articleLeón XIV na Vixilia coa mocidade: «Sed faísca dunha humanidade nova»
Next articleLeón XIV chama a tecer redes de encontro entre a fe e a sociedade desde o corazón de Madrid