
Os bispos españois atópanse desde onte realizando a Visita ad limina apostolorum, é dicir a visita que todos os bispos católicos deben facer, cada cinco anos, a Roma.
Os prelados viaxaron organizados en catro grupos, distribuídos por Provincias Eclesiásticas. No primeiro grupo, que permanecerá esta semana, participan 24 bispos das Provincias Eclesiásticas de Santiago de Compostela, Oviedo, Burgos, Pamplona e Tudela, e Zaragoza. Nesta tanda atópase, xa que logo, o arcebispo compostelán mons. Julián Barrio, e o seu auxiliar mons. Francisco Prieto.
A xornada comezou coa celebración da Eucaristía na Cripta Vaticana presidida por monseñor Julián Barrio. Na súa homilía, o arcebispo recordou que “xunto á tumba do apóstolo Pedro nestes tempos novos para a Igrexa, non podemos resignarnos a padecelos pasiva ou angustiadamente, senón que habemos de vivilos coa alegría da fidelidade, liberados do medo e da tristeza”.
O arcebispo de Santiago participará hoxe martes como interlocutor na Congregación para os Bispos, mañá intervirá no Dicasterio para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral e na Congregación para o Clero e o sábado na Secretaría de Estado, na Sección de Relacións cos Estados.
O momento central desta Visita ad limina terá lugar este xoves, día 16, a partir das 10:30 horas coa audiencia que o Papa Francisco ofrecerá aos bispos participantes no Palacio Apostólico.












