Tres camiños, unha mesma chamada: vidas entregadas ao servizo de Deus

Este domingo 6 de xullo, ás 17:00 horas, a Catedral de Santiago de Compostela acollerá a ordenación de tres seminaristas nunha solemne Eucaristía presidida polo arcebispo, monseñor Francisco José Prieto Fernández. Enrique Malvar Blanco será ordenado diácono, mentres que Enrique Alonso Alonso e Fernando Ramos Guerra recibirán a ordenación sacerdotal.

Tres historias distintas, tres camiños que conflúen #ante o altar para lembrar á Igrexa compostelá que Deus segue chamando con voz suave e firme, e que aínda hai corazóns dispostos a responder coa vida enteira. As súas palabras, os seus xestos e a súa mirada cara a este domingo comparten unha mesma raíz: a certeza de que non hai vocación sen asombro diario, sen loita interior, sen a conciencia de ser chamados a algo que os supera.

Enrique Malvar Blanco, de 24 anos e natural de Lérez (Pontevedra), chegou ao Seminario Maior con apenas 18 anos, cando a vida apenas se asenta e todo parece un horizonte aberto. Nestes anos madurou a súa vocación na sinxeleza da oración diaria, nos estudos de Teoloxía e no acompañamento pastoral, especialmente cos mozos. Afirma que o seu corazón énchese de ilusión e dun profundo sentido de entrega #ante este paso. Soña con achegarse aos mozos que buscan sentido, para mostrarlles que a fe non encerra, nin limita, senón que abre portas e camiños que doutro xeito permanecerían pechados.

Enrique Alonso Alonso, de 37 anos e natural de Santa Cruz de Oleiros, descubriu a súa vocación aos 29 anos, cando traballaba como técnico en horticultura. Foi un camiño pausado, de escoita e de procura, que o levou a deixalo todo para seguir a chamada. Tras a súa experiencia pastoral en Santa Comba, sente profundamente fortalecido. Fala con gratitude da comunidade que o acolleu e da certeza de que o sacerdocio é unha entrega que non empobrece, senón que enche a vida dun sentido maior. Hoxe sente preparado para acoller con valentía os retos que virán e para ser instrumento da presenza de Dios alí onde sexa enviado.

Fernando Ramos Guerra, de 46 anos, naceu en Mesía e creceu entre Boado e San Vicente do Pino, terras que forxaron o seu carácter sereno e a súa fe sinxela. Durante case vinte anos traballou na empresa privada e vivía unha vida estable, con rutinas seguras e metas claras. Con todo, no momento de maior estabilidade profesional, o seu corazón comezou a inquietarse con preguntas que non atopaba nos balances contables nin nos resultados do seu traballo. Foi entón cando escoitou a chamada, silenciosa pero clara, que lle pedía unha entrega maior. Hoxe vive este paso con profunda alegría, consciente de que o seu camiño non estará exento de cruces, pero convencido de que non existe maior plenitude que dar a vida enteira ao servizo de Dios e do seu pobo.

Nun tempo marcado pola présa, a incerteza e a procura frenética de respostas inmediatas, estes tres homes lembran que a vida, como a fe, é un camiño paciente. Eles son testemuñas de que Deus segue chamando e de que a verdadeira alegría nace cando se deixa todo para camiñar con El e para El. Porque, ao final, non son tres vidas que se separan en distintas sendas, senón un mesmo si pronunciado ao único Amor que nunca defrauda.

Con estas ordenacións, a Arquidiocese de Santiago celebra a chegada de tres novos ministros que, desde distintas idades e traxectorias, responden a unha mesma chamada: ser presenza de esperanza no medio da vida cotiá e mostrar co seu servizo que o Evanxeo segue sendo boa noticia para o mundo de hoxe.

Previous articleCáritas Diocesana de Santiago atendeu en 2024 a máis de 46.500 persoas e alerta dunha grave emerxencia habitacional
Next articleNomeamentos diocesanos na Diocese de Santiago de Compostela