Os alumnos prepararon no propio centro tres exposicións inauguradas hoxe: Agatha Christie, a raíña do crime; Centenario da Revista Nós, relato dunha época e O Camiño Kumano
O Seminario Menor da Asunción ven de inaugurar a súa VIII Semana Cultural. Trátase dunha iniciativa coa que queren dar visibilidade a esta institución que leva máis de 60 anos traballando na nosa cidade. O escritor Neira Cruz, autor de numerosos libros de literatura infantil e xuvenil, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída tralas palabras do Sr. Reitor, Manuel Ferreiro. A conferencia versou sobre a viaxe de Cosme III de Médicis a Compostela, dentro da temática xeral Relatos que marca dita Semana.
Xa pola tarde, Manquiña presentou a súa obra Relatos negros, coa que, dende a vertente humorística, fai un repaso polos misterios da crónica negra de tódolos tempos.
Durante a mañá deste martes, os alumnos do Seminario Menor visitarán a exposición da Cidade da Cultura: Galicia, un relato no mundo. Non será a única exposición que coñezan; eles mesmos prepararon no propio centro outras exposicións inauguradas onte: Agatha Christie, a raíña do crime; Centenario da Revista Nós, relato dunha época e O Camiño Kumano. Pero o prato forte para eles será sen dúbida o encontro con Fernando Vázquez, adestrador do Deportivo e antigo alumno do centro. A sesión, a partires das 16:00 horas, será aberta para todo o público en xeral.