A Fundación Andrea celebrou este sábado a súa decimonovena gala de Nadal no Pazo de San Lourenzo, unha cita xa imprescindible no calendario solidario galego, nada para axudar os nenos con enfermidades graves, crónicas ou terminais e as súas familias. A velada, cargada de emoción, compromiso e agradecemento, volveu demostrar que a solidariedade tamén pode vestirse de gala.
Á fronte, como desde hai 19 anos, estivo Charo Barca, presidenta da entidade e alma dun proxecto que naceu da dor máis íntima: a enfermidade da súa filla Andrea, a quen coidou durante oito anos.
Entre os asistentes da gala deste ano atopábase o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, que quixo acompañar a fundación nunha noite tan importante. O prelado compostelán coñece de primeira man o labor de Andrea tras a emotiva visita que realizou á entidade o pasado mes de marzo, cando escoitou, abrazou e compartiu o testemuño de varias familias.
Durante a gala, ese traballo silencioso, como lembra Barca, tomou voz e rostro. Un traballo que se concreta en acoller a familias que deben desprazarse a Santiago, pagar sesións de psicoterapia, fisioterapia ou logopedia, conceder bolsas de farmacia ou mesmo axudar con facturas da luz cando un neno depende de aparellos de alto consumo. Pequenos grandes xestos que, sumados, deron respaldo a máis de 5.000 familias ao longo de case dúas décadas.
Monseñor Prieto, volveu expresar a súa admiración pola entidade: “unha fundación que encarna os valores máis profundos da solidariedade e a compaixón”. A súa presenza na gala foi tamén un xesto de respaldo a esa rede invisible que sostén a quen máis o necesitan cando todo parece derrubarse.
Dezanove anos despois, a Fundación Andrea segue sendo ese lugar ao que acudir cando o medo aperta, cando o diagnóstico pesa, cando a esperanza fraquea. E en cada gala, Santiago volve responder. Porque hai causas que non entenden de modas nin de cansazo, só de humanidade.






