Bispos de Galicia e do norte de Portugal reuníronse en Tui

O 20 de outubro, máis dunha decena de bispos das provincias eclesiásticas de Braga (Portugal) e Santiago de Compostela acudiron a Tui para manter unha reunión de traballo e convivencia que, con periodicidade anual, celébrase en cada ocasión nunha sede lusa ou galega diferente. A biblioteca do Seminario Menor «San Paio» en Tui acolleu a reunión na que se trataron temas relacionados coa iniciación cristiá e o catecumenado de adultos.
A continuación, os bispos realizaron unha visita á catedral tudense de Santa María no marco do Ano Xubilar que a diocese de Tui-Vigo está a celebrar con motivo do 800 aniversario da dedicación do templo catedralicio. Para esta xornada, o deán da catedral, José Diéguez, procedeu á apertura da altar das Reliquias para a súa ostensión extraordinaria —veneración das reliquias—.

Nesta reunión participaron varios bispos de Portugal, encabezados polo arcebispo de Braga, Mons. José Manuel García Cordeiro, e os respectivos das dioceses de Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu, entre bispos titulares, auxiliares e algúns eméritos. Por parte de Galicia, asistiron: o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco; o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons.  Fernando García Cadiñanos; o bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos; o arcebispo de Santiago, Mons. Francisco José Prieto, xunto ao emérito, Mons. Julián Barrio; e o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, acompañado por  o emérito, Mons. Luis Quinteiro.
A provincia Eclesiástica de Santiago está formada polas dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Tui-Vigo. Pola súa banda, a Provincia Eclesiástica de Braga está integrada polas dioceses de Braga, Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu.
Na Igrexa Católica son designadas provincias eclesiásticas as agrupacións de varias dioceses, coa finalidade de promover unha acción pastoral común en varias dioceses veciñas e fomentar, de xeito máis axeitado, as recíprocas relacións entre os bispos diocesanos. Para iso, conforme o espírito do decreto conciliar Christus Dominus, nn.39-40, axudan as características sociolóxicas, históricas e xeográficas.

Previous articleCáritas Diocesana inicia outubro con iniciativas de vivenda, atención psicolóxica e axuda escolar para reforzar o apoio ás familias
Next articleDo 11 ao 13 de novembro, Xornadas sobre a Piedade Popular en Santiago de Compostela