Durante a homilía, monseñor Prieto convidou os presentes a deixarse acariñar polo corazón da Virxe de Pastoriza, evocando a tenrura e o consolo que María representa para os crentes.
O prelado tamén subliñou que o sentido deste ano Xubilar é vivir como “peregrinos na esperanza”. Explicou que camiñar na fe implica recoñecer que a vida ten un horizonte, un propósito que se atopa na confianza en Deus, mesmo cando os desexos persoais non se cumpren por completo. “Ser peregrino na esperanza significa que temos horizonte, que ten sentido o que somos, o que facemos, o que esperamos”, afirmou.
A partir do Evanxeo deste domingo, monseñor Prieto reflexionou sobre a parábola do fariseo e o publicano, lembrando que Deus valora a humildade e a verdade do corazón. Neste sentido convidou os fieis a vivir con sinxeleza e confianza e destacou que o publicano, ao presentarse ante o Señor con humildade, “saíu perdoado, renovado e acariñado pola misericordia de Deus”.
O arcebispo tamén lembrou as palabras de María nas vodas de Caná: “Facede o que El vos diga”. Con esta cita, convidou a poñer en práctica a Palabra de Cristo na súa vida cotiá, afirmando que a verdadeira devoción mariana “debe levarnos a escoitar cos oídos abertos do corazón o Evanxeo de Xesús” e a mirar os demais “non polas aparencias, senón desde a compaixón e o amor”.
Finalmente, mons. Prieto chamou á unidade e á superación de divisións, apelando ao espírito cristián como forza de comuñón: “Temos que descubrirnos nun empeño común e compartido como cristiáns, como fillos de Deus, como fillos de María, a nosa nai, Virxe de Pastoriza.”
Tras a Eucaristía, a imaxe da Virxe de Pastoriza foi levada en procesión ao redor do Santuario, acompañada polos devotos, cánticos marianos e o son da banda de música.
A xornada concluíu coa bendición final do arcebispo e un sincero agradecemento do párroco Manuel Á. Blanco a todos os voluntarios, coros e fregueses que fixeron posible a celebración. Na súa despedida, monseñor Prieto volveu lembrar que a fe “non queda dentro do templo”, senón que debe converterse en vida compartida, en testemuño sinxelo de cada día.








