O Arcebispado de Santiago e Cáritas Diocesana asinaron hoxe dous convenios mediante os cales o primeiro cederá dous locais a Cáritas para usos asistenciais e sociais. Por unha banda, un local da súa propiedade anexo á casa reitoral de Santa María de Dodro e, doutra banda, a casa reitoral da Parroquia de Santiago de Padrón.
O local de Dodro será destinado á actividade propia que desenvolva Cáritas Parroquial, cuxo radio de acción abarca as tres parroquias do concello de Dodro e a de Santa María de Oín, no concello de Rois, como delegación na citada localidade de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.
A casa reitoral de Padrón destinarase á actividade propia que desenvolva Cáritas Parroquial de Padrón, como delegación de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. O convenio foi subscrito polo ecónomo diocesano, Fernando Barros, polo director de Cáritas Diocesana, José Anuncio Mouriño, e polos directores de cáritas de Padrón e de Dodro.