Monseñor Francisco Prieto recorda que temos que ser “Eucaristía na nosa vida cristiá, pan partido para a vida do próximo”

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, presidiu este domingo as celebracións do Santísimo Corpo e Sangue de Cristo, o popular Corpus Christi, na Coruña e en Compostela. Na súa homilía, o arcebispo compostelán sinalou que “esta solemnidade do Santísimo Corpo e Sangue de Cristo é a festa do Pan de Vida, é a festa do Pan partido e compartido para a vida do mundo”. E engadiu: “Neste domingo damos grazas polo don da Eucaristía, Pan para o camiño e promesa de Resurrección”.

É tamén o Día da Caridade, nesta ocasión co lema “Ti tes moito que ver. Somos oportunidade. Somos esperanza”. Mons. Francisco Prieto convidou a comprometerse cos máis necesitados: “non podemos ser meros espectadores destes momentos de crises acumuladas, senón axentes dunha esperanza que sanda as feridas de tantas inxustizas, necesidades e carencias, testemuñas dunha caridade creativa que denuncia e anuncia, que acompaña e promove abrindo oportunidades e novas portas a unha vida máis digna e xusta”.

Neste sentido, o prelado compostelán indicou que a caridade non pode ser meramente paliativa ou asistencial, senón que debe ser preventiva, curativa e propositiva, é dicir, trátase de acompañar, abrir portas, ofrecer posibilidades que permitan vivir con xustiza e dignidade.
Mons. Prieto expresou o seu agradecemento a todos os diocesanos e en especial a todos os que desde Cáritas e outras institucións eclesiais e cristiás son o rostro samaritano da Igrexa: “Grazas a tantas persoas voluntarias, traballadores e axentes comprometidos na acción sociocaritativa!”

Mons. Prieto terminaba a súa homilía con estas palabras: “Que a comuñón de Cristo Eucaristía, Pan para a vida do mundo, faga das nosas vidas crentes un verdadeiro pan que se comparte con aqueles que sendo os últimos son os primeiros para Deus, con aqueles que tantas veces esquecidos pola nosa indiferenza sempre permanecen no corazón misericordioso do Pai”.

En A Coruña, o arcebispo presidiu a Eucaristía na Igrexa de San Jorge ás 11:30. A continuación, desenvolveuse a tradicional procesión co Santísimo ata a Colexiata e posterior bendición.

Xa pola tarde e en Santiago, D. Francisco presidiu a Eucaristía na Catedral compostelá, que comezou ás 19:30hs. Unha vez finalizada a celebración comezou a solemne procesión eucarística co Santísimo colocado na custodia monumental, portada nun carro engalanado, realizada no século XVI por Antonio de Arfe. Desde o punto de vista histórico-artístico é unha oportunidade única de contemplar a arte deste taller de ourivaría, xa que a custodia da Basílica compostelá é unha das mellores pezas do seu tipo de toda a Península Ibérica. Trátase dunha custodia monumental, destinada a expoñer o Santísimo Sacramento, que foi encargada polo Cabido compostelán en 1539, en tempos do arcebispo Fonseca, ao taller valisoletano dos irmáns Juan e Antonio Arfe, artífices doutras custodias monumentais, entre as que destaca a da catedral de Toledo. Os estudosos opinan que a peza compostelá serviu de modelo para posteriores deseños. A procesión discorreu polas rúas Nova e do Vilar, para chegar ata a praza de Praterías, onde se impartiu a bendición co Santísimo.

Previous articleD. Francisco confirma un grupo de mozos e mozas en Padrón
Next article? Mons. Francisco Prieto, arzobispo de Santiago de Compostela. Solemnidad del Sagrado Corazón de Jesús