Monseñor Barrio pide aos diocesanos que fomenten e acompañen as vocacións ao sacerdocio

Este 8 de decembro celébrase o Día do Seminario, que non puido conmemorarse en marzo pasado pola crise sanitaria do Covid 19

Como consecuencia da pandemia do coronavirus, a Comisión Episcopal de Clero e Seminarios da Conferencia Episcopal Española (CEE) decidiu aprazar este ano a celebración do Día do Seminario ata o día 8 de decembro de 2020, solemnidade da Inmaculada Concepción. Na Carta Pastoral que o arcebispo de Santiago escribía para conmemorar esa xornada, monseñor Barrio indicaba que “de novo, queridos diocesanos, pídovos que fomentedes e acompañedes as vocacións ao ministerio sacerdotal con entusiasmo apostólico. “Onde hai vida, fervor, ganas de levar a Cristo, xorden vocacións xenuínas”. Nas visitas pastorais comparto convosco a preocupación de que xa non son poucas as parroquias que non poidan ter a celebración da Eucaristía os domingos. O Señor lémbranos: “A mies é abundante e os obreiros poucos; rogade pois ao dono da mies que envíe obreiros ao seu mies” ( Lc 10, 2). Isto ha de ser preocupación de todos, acompañando tamén aos seminaristas que han de configurarse con Cristo, cabeza, pastor, e servo”.

Na mesma Carta Pastoral, o arcebispo pedía ter “moi presentes na nosa oración aos chamados ao sacerdocio”, á vez que instaba a “dentro das nosas posibilidades” colaborar “economicamente para que os nosos Seminarios Maior e Menor teñan os medios necesarios e adecuados para ofrecer a mellor formación humana, intelectual, espiritual, comunitaria e pastoral a quen se prepara para recibir o ministerio sacerdotal”.

Nesta xornada en todas as parroquias da Arquidiocese as colectas irán dirixidas ao sostemento do Seminario de Santiago. O lema para este día 8 de decembro é “Pastores misioneiros”. Un lema que tenta recoller, sen esgotala, a identidade do sacerdocio ministerial. Os sacerdotes, despois de que participan do sacerdocio de Cristo Cabeza, Pastor, Esposo e Servo ( PDV, n. 15), son chamados en verdade «pastores da Igrexa»; e en canto enviados por Cristo, cos Apóstolos ( Mt 28, 19 ss), son esencialmente misioneiros dentro dunha Iglesia toda ela misioneira”.

O Día do Seminario celébrase desde o ano 1935 co obxectivo de suscitar vocacións sacerdotais mediante a sensibilización, dirixida a toda a sociedade, e en particular ás comunidades cristiás.

Previous articleCarta Pastoral en el Día del Seminario. Marzo 2020
Next articleDía do Seminario 2020