Monseñor Barrio e o seu bispo auxiliar asistirán este sábado en Astorga á cerimonia de beatificación de tres mártires laicas vítimas da persecución relixiosa de 1936

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, e o seu bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto, asistirán este sábado en Astorga á solemne Eucaristía na que se procederá á beatificación de María del Pilar Gullón Yturriaga, Olga Pérez-Monteserín Núñez e Octavia Iglesias Blanco, mártires laicas de Astorga na persecución relixiosa de 1936. O acto litúrxico estará presidido polo representante do Santo Padre, o cardeal Marcello Semeraro, prefecto da Congregación para as Causas dos Santos e dará comezo ás 11:00 horas na catedral de Astorga. A cerimonia será retransmitida por 13TV e en “ streaming” na canle de Youtube da diocese. Radio María tamén retransmitirá a cerimonia.

As tres novas beatas eran enfermeiras e foron fusiladas por odio á fe en outubro de 1936 en Somiedo, aos 25, 41 e 23 anos respectivamente. O bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández, quen foi bispo auxiliar de Santiago ata o pasado mes de xuño, escribiu unha carta pastoral na que afirma que “a beatificación destas mártires pon de manifesto que, pola forza de Cristo resucitado, o amor venceu o odio, a vida a morte, o perdón a vinganza”. Neste sentido, o prelado subliñou que este acontecemento será “un motivo para a glorificación de Deus”.

As tres enfermeiras eran laicas e pertencían a diversas asociacións eclesiais. Cando estalou a guerra civil española, movidas polo desexo de servir mellor aos demais, realizaron os cursos organizados pola Cruz Vermella de Astorga para asistir a enfermos e feridos na contenda. En outubro foron enviadas desde Astorga ao hospital de sangue situado no Porto de Somiedo (Asturias), o cal foi atacado polo exército republicano. Aínda que as enfermeiras puideron fuxir, renunciaron a iso para non abandonar os feridos e continuar asistíndoos. Todos eles, xunto ao persoal sanitario e ao capelán, foron fusilados. Despois de percorrer a pé e en condicións penosas o camiño que as separaba da poboación de Pola de Somiedo e de ser presionadas para que abandonasen a fe cristiá, foron obxecto de todo tipo de vexacións e abusos, conducidas a un prado próximo e executadas por tres milicianas. A fama do martirio xurdiu inmediatamente e todas as testemuñas no proceso de beatificación afirmaron que a causa da súa morte non foron as ideas políticas, senón o odio á fe.

Nos últimos meses, a Diocese de Astorga impulsou a preparación espiritual dos fieis, as comunidades de vida consagrada e os sacerdotes do presbiterio diocesano para este acontecemento, aproveitando as diversas celebracións ordinarias nas parroquias e os arciprestados (eucaristías, retiros, novenas, festas, preparación de tempos litúrxicos fortes, celebracións penitenciais, etc).

Deste xeito deseñouse a programación de diversas iniciativas e actos como son: a presentación do logotipo da Beatificación de Astorga 2021 e a difusión dos materiais que a anunciaban: carteis, trípticos, estampas, artigos de recordo, etc., así como a elaboración e edición coidada e pedagóxica dos materiais catequéticos e pastorais necesarios para a preparación de sacerdotes, consagrados e fieis (nenos-mozos-adultos) ou a celebración da data memorial do martirio (28 de outubro).

Tamén se organizou para os días previos un ciclo de conferencias sobre a figura das tres mártires de Astorga, o significado humano e espiritual do seu martirio e o seu recoñecemento pola Iglesia, e todo aquilo que ten que ver cos preparativos da cerimonia de Beatificación na Catedral de Astorga.

 

Previous articleO arcebispo preside na Catedral a Misa de Pentecoste no Día da Acción Católica e do Apostolado Seglar
Next articleIntervención de mons. Barrio en Cope: 28 de maio de 2021