O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio, inaugurou este domingo 1 de maio o Ano Xubilar Mariano a Nosa Señora dá Xunqueira na Parroquia de Cee.
O acto comezou no adro parroquial coa lectura do Decreto de Roma por parte do vicechanceler do Arcebispado, Manuel Jesús Formoso. Posteriormente mons. Julián Barrio realizou o rito de apertura da porta da Igrexa de Cee golpeándoa tres veces cun martelo cerimonial. Nesta ocasión trátase dun martelo de carballo adornado con prata e a medalla da Virxe, realizados ambos por devotos da vila.
Unha vez aberta, accedeu primeiro o arcebispo e formouse a procesión que percorreu o interior do templo, ata o altar, onde deu comezo a Eucaristía, cantada pola coral Costa da Morte de Cee, e á que asistiron sacerdotes da zona, o propio párroco de Cee, Desiré Kouakou, así como fregueses e autoridades civís.
O programa da xornada completouse co concerto no adro da igrexa de Cee que ofreceu Rubén de Lis, recoñecido músico católico, no que introduciu unha mostra dun tema que está a compoñer dedicado precisamente ao ano xubilar da Xunqueira.
Finalizado este concerto tivo lugar o aceso dos campanarios da Igrexa; os cales iluminados en azul (cor de María) sinalarán o lugar de peregrinación durante todo o Ano Xubilar Mariano, como suceden na Torre do Reloxo da Catedral de Santiago obra do ceense Domingo Antonio de Andrade.
Os actos celebrados onte son o punto de partida dun ano con moitas citas que culminarán o próximo 2023 coa coroación da patroa de Cee.
Ano Xubilar Mariano
No ano 2022 cumpriranse 475 anos da primeira mención documental de “Santa María de Xunqueira” (Visita Eclesiástica de 1547); a advocación mariana ao redor da que crecería a Vila de Cee. Unha advocación á que se profesa unha gran devoción na nosa comarca e que é gardada no corazón de moitos devotos que se atopan no estranxeiro. Conta a lenda que un barco estranxeiro no medio dun temporal buscou o abrigo na nosa ría e que pasado o mesmo, os seus mariñeiros comprobaron como había «algo» que retiña á súa embarcación impedíndolles continuar a súa viaxe. Entón decidiron deixar na “ xunqueira” unha imaxe dunha Virxe co Neno que logo recollerían uns pescadores e que pasaría a chamarse “Virxe da Xunqueira”.
A perda da imaxe primitiva e da igrexa o 21 de abril de 1809 polas tropas francesas do mariscal Ney durante a Guerra de Independencia supón un duro golpe para esta vila. Estes tristes acontecementos uniron aínda máis aos seus veciños e así, co esforzo xeral de todos, ademais dos donativos especiais dalgúns particulares e do gremio de pescadores, púidose ir reconstruíndo aos poucos a igrexa. No ano 1812 realízase en Santiago a nova talla da Virxe da Xunqueira que é a que se venera actualmente.