Don Francisco afirma no Santuario de Pastoriza que “a Virxe nos leva aos pastos onde nos alimentamos na Palabra de Deus”

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto, presidiu esta mañá a Misa Solemne en honra á Santísima Virxe de Pastoriza, Patroa desta Parroquia. Ao longo deste mes de outubro viñéronse celebrando con especial devoción Misas, Rosarios e oracións marianas.

Na homilía, monseñor Prieto lembrou, por mor da parábola do Evanxeo, como o Señor “prepara para nós unha gran mesa da que quere que todos sentemos e vivamos sendo parte dunha gran familia, sendo parte desa gran familia dos fillos e fillas de Dios”.

Sinalou, ademais, que é Deus quen prepara a mesa, e unha nai, a Virxe de Pastoriza, “que nos recibe, acóllenos na súa casa e quere que hoxe tamén todos vivamos esta alegría, esta fermosura de estar hoxe convidados e convocados. Pero temos que facelo tamén cunha certa disposición”.

O prelado compostelán destacou, por unha banda, que aquel señor da parábola preparou e convidou a todos a aquel gran banquete e non acudiron, e ao final convidou a todos, ninguén quedou excluído: “Todos no corazón de Deus, todos no corazón de Deus, noso Pai, somos importantes. Deus míranos como un Pai de Misericordia que sabe das nosas miserias e sabe tamén das nosas discretas grandezas. E polo tanto todos estamos chamados a formar parte e a vivir como fillos, como irmáns, nesta gran familia que somos”.

E, por outra banda, destacou un segundo detalle na parábola do Evanxeo e que fai referencia á persoa que non levou traxe de festa: “Non fala dun traxe exterior, non fala dun vestido (…), ten que ver co noso interior, coas nosas actitudes”. E engadiu: “Temos que ter unhas actitudes coas que revestimos o noso corazón, coas que revestimos a nosa vida”. E engadiu: “Revestirse o traxe de festa, en primeiro lugar, que, na nosa vida, na vida de cada un de nós, temos que revestir o corazón daquilo co que o Señor espera de cada un de nós, temos que revestir o corazón de crernos de verdade e vivir o con gozo de que, en primeiro lugar, somos fillos e fillas de Dios (…). Polo tanto, habemos de revestirnos dun traxe no que a confianza, a esperanza e o amor se converten como as costuras dese traxe co que revestimos o corazón”.

O calendario de actos relixiosos da xornada de hoxe completábano o rezo do Rosario ás 8 da mañá para continuar cunha Misa ás 10, 11 e 12 da mañá, ademais da Misa solemne das 13:00 horas coa presidencia do arcebispo. E xa pola tarde ás 5, 6 e 7.

O documento máis antigo no que aparece citado o nome de Pastoriza, é unha doazón de San Rosendo (século X), en que fala da Vila e igrexa de Pastoriza, en terra de Faro. Pero nestes territorios asentáronse os suevos aproximadamente sobre o século V. Algunhas crónicas contan a conversión do Rey Requiario ao catolicismo, no ano 448, e que mandaría edificar un pequeno templo, hoxe convertido no Santuario de Pastoriza.

 

 

Previous articleSantiago de África
Next articleDon Francisco celebra a festa de Santa Tareixa no Convento das Carmelitas de Santiago