O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, presidiu este domingo as celebracións do Santísimo Corpo e Sangue de Cristo, a festa do Corpus Christi, na Coruña e en Compostela.
Na cidade herculina, o arcebispo celebrou a Eucaristía na Igrexa de San Xurxo ás 11:30hs. A continuación, desenvolveuse a tradicional procesión co Santísimo ata a Colexiata e posterior bendición.
Xa pola tarde e en Santiago, D. Francisco presidiu a Eucaristía na Catedral compostelá, que comezou ás 19:30hs. Acompañado polo arcebispo emérito, mons. Julián Barrio; o vigairo xeral, José Andrés Fernández Farto; o vigairo de pastoral, Javier Porro Martínez, así como por membros do cabido catedralicio, sacerdotes, membros de vida consagrada, laicos e autoridades civís.
Na homilía, o arcebispo destacou que a Última Cea, a primeira das Eucaristías, “convídanos para que podamos percibir toda a fondura daquilo que celebramos”. E engadiu que é necesario ter unha mirada aberta aos detalles da vida para que esa vida veña á Eucaristía”.
Neste sentido, mons. Prieto indicou que “non podemos preparar ben a Eucaristía, se non temos a mirada aberta, non podemos celebrar ben a Eucaristía, se a ela non vimos con esa vida, a de cada un de nós (…) porque é certo que non hai vida sen Eucaristía, pero non hai Eucaristía sen vida”.
O arcebispo tamén afirmou que a vida fráxil, feita de barro, “unha vez máis se desvela e móstrallenos ese pan que se parte para que teñamos fortaleza para que nutramos e alimentemos esa esperanza a que somos convocados; para que nutramos e alimentemos esa fe que ilumina e acompaña o camiño da nosa vida e, sobre todo, para que a Eucaristía, unha vez máis nutridos no amor máis grande, naquel que se derrama e se parte por nós (…) aprendamos cal é o amor máis grande”.
D. Francisco convidou a ter unha
mirada aberta e a descubrir que soamente a vida que se entrega, a vida que se fai pan amasado coa entrega, é o pan que verdadeiramente se parte e repártese, porque pola contra poderiamos ter a tentación de gardarnos, preservarnos, conservarnos e pechando a mirada, non mirar ao redor: “A Eucaristía, alimentados nela, en Cristo que se entrega por nós, non nos pode deixar indiferentes”.
O arcebispo tivo tamén palabras de recoñecemento para Cáritas, xa que hoxe tamén se celebra o Día da Caridade, este ano co lema, “Alí onde nos necesitas, abrimos camiño á esperanza”. Mons Prieto dixo que Cáritas é a expresión dese amor de Deus e quixo agradecer todo o que ela significa e fai: “porque Cáritas son os seus voluntarios e traballadores, pero caritas son sobre todo aqueles que son escoitados, acollidos, acompañados, sandados”. E engadiu que “todos están chamados a ser esa Cáritas que fai presente o rostro samaritano de Cristo mesmo e todos somos convocados a ese xesto que de novo fai da vida unha vida que cando se reparte se multiplica”.
Unha vez finalizada a celebración comezou a solemne procesión co Santísimo colocado na custodia monumental, portada nun carro engalanado, realizada no século XVI por Antonio de Arfe