O DOG publicou onte, mércores 20 de marzo, o anuncio de contratación das obras de restauración do pavillón historicista e da parte nordeste do muro perimetral de San Martiño Pinario, un dos proxectos incluídos no Plan Director do conxunto monástico e que supoñerá a posta en valor deste e dos espazos exteriores inmediatos.
A intención é destinar este espazo, situado nas zonas abertas do interior do Mosteiro, a usos expositivos, museísticos e culturais. Recuperarase a dimensión e tipoloxía construtiva orixinal, liberándoo das construcións dos últimos 40 anos. Para iso, proponse a recuperación da estrutura metálica de ferro fundido, as carpinterías de armar de madeira e a restauración dos muros de pedra perimetrais que lle serven de soporte.
Dotarase dunha entreplanta retranqueada, colgada que proporcionará unha maior superficie complementaria para os usos nun espazo diáfano. O seu peche será de carpintería de madeira, seguindo o ritmo dos piares de fundición e a armadura de madeira da cuberta.
Está previsto que, as obras terminen no ano 2023 e que o seu prazo de execución sexa de 12 meses, ascendendo o orzamento a case 1,2 millóns de euros: 860.000 euros subvencionados polo Estado, mentres que o resto do financiamento será asumido pola Xunta de Galicia e o Arcebispado de Santiago de Compostela.
O prazo de presentación de ofertas finaliza o 25 de abril de 2022 ás 14.00 horas.