Funeral polo M. I. Mons. Salvador Domato Búa, cóengo da Catedral, director do Arquivo Histórico Diocesano e párroco da Corticela

Aos pés do altar onde tantas veces presidiu a Eucaristía, a Catedral de Santiago acolleu este xoves a solemne Misa Funeral “corpore insepulto” polo eterno descanso de don Salvador Domato Búa, sacerdote diocesano, cóengo da SAMI Catedral e director do Arquivo Histórico Diocesano e párroco de Santa María da Corticela.
A celebración estivo presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, e reuniu a familiares, fieis, amigos e máis dun centenar de sacerdotes que quixeron renderlle a última homenaxe.
Ao comezo da Eucaristía acendeuse o Cirio Pascual, signo da esperanza na Resurrección. O féretro, colocado fronte ao altar maior, foi recuberto cunha casulla sacerdotal, sobre a que repousaban os Santos Evanxeos, subliñando así o ministerio e a misión que marcaron a vida do falecido: a de anunciar e vivir o Evanxeo como sacerdote de Cristo.
Concelebraron con mons. Prieto, o arcebispo emérito de Santiago, monseñor Julián Barrio Barrio; o arcebispo emérito de Tánxer, frei Santiago Agrelo Martínez; o bispo emérito de Tuy-Vigo, monseñor #Luis Quinteiro Fiuza; e o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos Montanet. Acompañábanlles tamén os membros do cabido catedralicio e compañeiros sacerdotes, testemuñas da longa e fecunda traxectoria de don Salvador ao servizo de la Iglesia compostelá.
Durante a homilía, monseñor Prieto ofreceu unha meditación cargada de gratitude e esperanza cristiá, na que destacou a figura de don Salvador como exemplo de fidelidade sacerdotal vivida con entrega e humildade. Dedicou palabras de consolo e agradecemento á súa familia e á comunidade eclesial que o acompañou ao longo da súa vida.
O arcebispo evocou tamén o modo en que don Salvador viviu a súa vocación, con fondura, sinxeleza e unha memoria agradecida: “Moi amigo dos amigos, moi próximo sempre naqueles aos que cotidianamente vivía e convivía”, lembrou. E engadiu que na súa fraxilidade nos últimos anos seguía mostrando esa cordialidade coa que compartía o recordo de momentos vividos con intensidade.
Subliñou ademais o seu papel fundamental como custodio da memoria de la Iglesia compostelá desde o Arquivo Histórico Diocesano, onde a súa tarefa, máis aló do administrativo, foi un acto de amor e fidelidade á historia común da fe.
Facendo súas as palabras do Papa Francisco, o arcebispo lembrou que a vida de cada persoa é unha misión, e que esa misión concrétase na santidade cotiá, vivida na familia, no sacerdocio, na vida consagrada ou no traballo diario.
O prelado compostelán exhortou a todos os presentes, especialmente aos sacerdotes, a vivir con plenitude a vocación recibida e a camiñar cada día coa lámpada acesa, en actitude de servizo e entrega: “O Señor preguntará polo peso da nosa vida, que non será unha acumulación daquilo que se cadra nos poida parecer o máis cegador, senón sempre quedará… como vivimos, como amamos, como demos a vida que se nos confiou”.
Ao concluír a celebración, e tras os ritos de despedida, o corpo de don Salvador Domato Búa foi trasladado e sepulto no Claustro da Catedral, no corazón da que foi a súa casa espiritual e ministerial durante décadas. Un xesto profundamente simbólico que selou a súa unión definitiva coa Igrexa á que serviu.
Nun ambiente de recollemento, oración e esperanza na vida eterna, os asistentes despediron a un home cuxa vida foi testemuño silencioso pero firme de fidelidade evanxélica. A misa concluíu cunha oración común pola súa alma e pola vocación sacerdotal, “para que nesta viña que o Señor nos confía —dixo monseñor Prieto— siga vendo ese espertar da vida como unha vocación vivida con fondura”.
Don Salvador Domato Búa deixa tras de si o testemuño dunha vida entregada á Igrexa diocesana de Santiago, tanto no servizo pastoral como na conservación da súa memoria e a súa historia. O seu recordo perdurará non só nos arquivos que coidou con esmero, senón nas vidas de quen lle coñeceu e compartiron con el a fe e o camiño.
O Excmo. Cabildo da SAMI Catedral de Santiago de Compostela roga a participación nas Misas que, polo seu eterno descanso, celebraranse o 25 de xuño, o 3 de xullo e o 18 de xullo.
Previous articleFalleceu Mons. Salvador Domato Búa, Cóengo da SAMI Catedral
Next articleSolemnidade do Corpus Christi 2025 en Santiago